- Tematica
A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro vai realizar diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller castañas e cogomelos, rutas teatralizadas, avistamento de cometas, obradoiros para elaborar conservas de froitas e hortalizas, e maila cuarta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da programación de outono da Aula da Natureza. Ao acto acudiron o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e maila concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, que explicaron cada unha das actividades que compoñen dita programación, que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explicou que “o obxectivo é facer as actividades dentro do concello para dar a coñecer e poñer en valor todos os espazos do municipio. Este ano temos como novidade as xornadas ‘Arredor dos castiñeiros’, que pretende poñer en valor este froito e os castiñeiros. Ademais, debido á alta participación de edicións anteriores, a IV Feira do Monte celebrarase durante dous días”. Así mesmo, destacou que “nesta programación hai moitas actividades para público mixto, tanto adulto como infantil, para que toda a familia poida participar”. Finalmente adiantou que, de cara ao Nadal, vaise celebrar un concurso de decoración sostible nos núcleos rurais de Ames.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, salientou a importancia de “aproveitar os recursos naturais, as rutas e as tradicións que temos no concello, porque moitas veces non coñecemos o que temo máis preto”. Rematou a súa intervención animando á veciñanza a participar na programación, pois “hai variedade para todos os gustos”.
Programación de outono
A primeira das actividades tivo lugar o pasado sábado 21 de outubro: un obradoiro de conservas tradicionais de froitas dirixido a rapaces de entre 6 e 14 anos no que aprenderon a elaborar doce de mazá e confitura de moras.
Para esta fin de semana hai programas tres actividades. O sábado 28 de setembro terá lugar o obradoiro “Doce outono adultos, cosmética con mel de Galicia”. Nel farase unha breve introdución teórica dos recursos aproveitables da colmea, elaboración de tintura de própole, xabón de glicerina con mel, crema corporal con mel, etc. Xa pola noitiña, ese mesmo día terá lugar unha camiñada ao solpor polos petróglifos de Castelo e Peneda Negra.
O domingo 29 celebrarase a XVII xornada de limpeza simultánea en ríos. Nesta actividade as persoas inscritas percorrerán dous quilómetros de diferentes tramos de ríos e regatos que pasan polo concello limpando distintos tramos. A limpeza realizarase durante dúas horas.
Arredor dos castiñeiros
Esta é unha das principais novidades que se inclúen na programación de outono deste ano. Trátase de catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña.
A primeira xornada terá lugar o sábado 28 de setembro no local social de Piñeiro. Será unha sesión teórico-prácticas sobre a selección de plantas, variedades requerimentos de cultivo e enfermidades dos castiñeiros. Haberá dúas sesións: de 11:00 a 13:30 horas, e de 16:30 a 18:30 horas. Ofértanse 40 prazas.
O sábado 19 de outubro celebrarase a segunda xornada, unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña. Desenvolverase en horario de 9:00 a 18:00 horas e haberá servizo de autobús. Ofértanse 50 prazas. No mes de outubro haberá outra xornada o sábado 26 de outubro no monte escolar de Ames, de 11:00 a 13:30 horas. Trátase dunha sesión teórico-práctica na que os participantes aprenderán máis sobre a xestión dos soutos, e sobre as podas de formación, saneamento e renovación. Ofértanse un total de 50 prazas. Haberá servizo de autobús.
A derradeira xornada terá lugar o sábado 23 de novembro no local social de Piñeiro. Consistirá nun obradoiro de enxertos, que se desenvolverá en horario de 10:00 a 13:30 horas. Ofértanse 30 prazas.
Cogomelos de Ames
Tamén durante este mes comezarán as saídas para recoller cogomelos. Co fin de difundir o curioso mundo dos fungos e de amosar as paisaxes de Ames, a Aula da Natureza organiza tres saídas didácticas polos montes do concello. Ademais, durante a celebración da feira Tanto Monte / Monte Tanto farase unha exposición e degustación de cogomelos. O obxectivo é chegar ao maior número de persoas polo que as saídas realizaranse os sábados e domingos en horario de mañá ou de tarde.
A primeira saída será o domingo 6 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O domingo 3 de novembro haberá unha nova saída, en horario de 11:00 a 18:00 horas. A última saída será o sábado 23 de novembro cunha saída de 10:00 a 14:00 horas. Durante esa fin de semana, os días 23 e 24 de novembro, farase unha exposición e degustación destes cogomelos na feira Tanto Monte / Monte Tanto.
Trala saída ao monte e despois dun pequeno descanso para comer, farase unha recompilación e estudo detallado das especies atopadas. Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.
Aproveitamento sostible dos alimentos
No mes de outubro terá lugar un segundo obradoiro de conservas de froitas, desta volta dirixido a público adulto. Será o sábado 5 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, e nel os participantes aprenderán a elaborar marmeladas, confituras e chutneys.
O sábado 16 de outubro, os máis pequenos da casa poderán desfrutar dun obradoiro de elaboración artesanal de chourizos. Xa para rematar outubro, o día 30 haberá un obradoiro de preparación do Nadal de xeito natural, no que se ensinará como elaborar encurtidos e escabeches. Esta actividade está dirixida a público adulto.
Ruta teatralizada “O segredo das Fragas do Tambre”
Dentro da programación de outono inclúese unha ruta teatralizada polas Fragas do Tambre o domingo 17 de novembro. O percorrido, de 4 quilómetros, arrancará na aldea de Oca e discorrerá pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. Ao remate serviranse uns petiscos saudables. Os participantes terán servizo de bus.
IV Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, estase a traballar na organización da cuarta edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que está prevista para os días 23 e 24 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Haberá expositores de mel, cogomelos, aceite, embutidos, cestería, noces, castañas, froitos do bosque... e unha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte. Para participar na feira non é preciso inscribirse e está aberta a todos os públicos.
Preparando o Nadal de xeito natural
Durante o mes de decembro, co obxectivo de preparar o Nadal, a Aula da Natureza propón dous obradoiros. O primeiro deles, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, será o sábado 7 e nel a rapazada aprenderá a elaborar bonecos de madeira. Tamén haberá espazo para os adultos, cun obradoiro de candeas aromáticas vexetais o sábado 14 de decembro.
Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os castiñeiros serán protagonistas principais deste outono na Aula da Natureza de Ames"