Solapas principales

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano

Miércoles, 18 de septiembre de 2024

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) ten preparada a nova programación que se vai impartir nos meses de outubro, novembro e decembro deste ano. Dentro da programación que se vai impartir inclúese o segundo módulo do curso de alfabetización dixital, que se impartirá nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas. Ademais, impartiranse 4 cursos máis de xeito presencial. Xa está aberto o prazo de inscrición para estas actividades.

O alcalde de Ames e concelleiro de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Blas García, e maila técnica responsable da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, Almudena Caamaño, presentaron esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro a programación da AMTIC para o último trimestre do ano. Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro impartiranse distintas actividades dirixidas tanto a nenos e nenas como á poboación adulta. Durante a presentación estiveron acompañados por Ramón Martínez e Estefanía Muíño, da empresa Estudios Rafer.

A técnica responsable da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, Almudena Caamaño, sinalou que “intentamos facer actividades tanto para adultos como menores, con distintas temáticas para atraer a distintos sectores da poboación”. Ademais, destacou unha das novidades máis relevantes deste último trimestre: “unha das novidades deste ano son os cursos de preparación para a obtención do COMDIX (Certificación Galega de Competencias Dixitais), no que se traballará esta proba e os participantes verán en que pode consistir”.

Estefanía Muíño, persoal de Estudios Rafer, destacou as vantaxes da oferta formativa da aula. “A formación para os máis pequenos é unha ferramenta de conciliación moi importante para as familias ao longo de todo o ano. Ademais, tanto os cursos para nenos como adultos serven para dar a coñecer entre a poboación os servizos e as instalacións da aula AMTIC”. Pola súa banda, o CEO de Estudios Rafer, Ramón Martínez, animou á veciñanza a inscribirse nos cursos pois “de pouco serve poñer os medios, como son a formación e a  aula, se falta o máis importante que é o alumnado”.

Pechou a presentación o alcalde de Ames e concelleiro de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Blas García, que sinalou que “este ano será unha única empresa, neste caso Rafer, a que coordine tantos as aulas CeMIT e AMTIC como os cursos que facemos no rural, o que nos vai permitir coordinar moito mellor toda a programación”. Así mesmo, fixo referencia ao obxectivo central desta oferta de cursos: “o que buscamos é que sexan útiles para a veciñanza, por iso xiran arredor de cuestións tan importantes como a seguridade na rede ou o uso da administración electrónica”.

Servizo de formación dixital CeMIT, AMTIC e cursos de alfabetización dixital
O Concello de Ames vén de adxudicar recentemente o servizo de formación dixital CeMIT, AMTIC e cursos de alfabetización dixital á empresa Estudios Rafer SL. O importe de adxudicación ascende a 85.391,57 euros por un período de dous anos.

O obxecto do contrato é a execución dos traballos de xestión e impartición da programación de accións formativas que se determinen nas aulas de formación dixital CeMIT (situada na Casa de Cultura de Bertamiráns), AMTIC (situada na Casa de Cultura do Milladoiro) e nas Aulas de Alfabetización e Capacitación Dixital do Rural do concello de Ames. A duración do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de caro anos, incluído período inicial e prorrogas.

Curso de alfabetización dixital no rural
Dende o 21 de outubro de 2024 ata o 21 de febreiro de 2025 vanse a impartir novos cursos de informática para o desenvolvemento dixital no medio rural. Esta actividades impartirase nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas. Ofértanse un máximo de 108 prazas, 12 por curso que se imparte en cada local social.

O temario destes cursos abarca a navegación por internet (busca en liña e navegación segura), o uso do correo electrónico (creación de contas e envío de correos) a introdución a Windows, a utilización de Office en liña, o uso de imaxes, a impresión de documentos, a introdución á folla de cálculo (formato de celas e gráficos básicos) e o uso do teléfono intelixente (configuración e axustes iniciais, chamadas e mensaxes de texto, aplicacións de mensaxería, uso da cámara, agregar e eliminar contactos...).

As actividades van celebrarse nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. Os luns, o curso terá lugar en Agrón (de 16:15 a 18:15 horas) e en Trasmonte (de 19:00 a 21:00 horas). Os martes, será a quenda de Covas (tamén en horario de 16:15 a 18:15 horas) e de Biduído (de 19:00 a 21:00 horas). En Augapesada e Biduído a formación desenvolverase os mércores (de 16:00 a 18:00 e de 18:30 a 20:00 horas), respectivamente. O xoves as clases serán en Tapia (de 16:15 a 18:15 horas) e na Ameixenda (de 19:00 a 21:00 horas). Para rematar, os venres desenvolverase no centro social de Ortoño (de 17:00 a 19:00 horas).

A formación é de balde, e inclúe 25 horas de clases prácticas, que se desenvolverán en clases de dúas horas, un día á semana. As inscricións deben facerse chamando ao número de teléfono 674 594 843, en horario de atención de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas.

Ademais destes cursos, a Aula AMTIC ofrecerá diversas conferencias para sectores específicos da poboación, así como obradoiros relacionados coa seguridade na rede e coas tecnoloxías da comunicación.

Programación da AMTIC
Do 9 de outubro ao 21 de novembro impartirase un curso de iniciación á informática para adultos que está dirixido a persoas maiores de 18 anos. Impartirase os mércores e xoves de 10:00 a 12:00. Tamén en outubro se ofrecen dous cursos para menores de 18 anos: un curso de informática para nenos/as (do 10 de outubro ao 12 de decembro), destinado a rapaces e rapazas de entre 7 e 10 anos; e un de mecanografía para menores de 10 anos (do 11 de outubro ao 13 de decembro). Estes cursos realizaranse en quenda de tarde, os xoves e venres de 17:15 a 18:45 horas.

No mes de novembro haberá un novo cursos para adultos. Do 27 de novembro ao 5 de decembro impartirase o obradoiro de administración electrónica. Será os mércores e xoves de 10:00 a 12:00 horas. Ofértanse 12 prazas.  

Para o mes de decembro hai programado un último curso sobre compras seguras en internet para maiores de 18 anos, que se vai impartir do 11 ao 18 de decembro, de 10:00 a 12:00 horas.

Por outra banda, co inicio do novo curso, a AMTEGA vén de convocar novas prazas para a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX). Deste xeito, abríronse as convocatorias de dúas edicións do nivel de iniciación:

>>Outubro: inscricións abertas ata o 18 de setembro.
>>Novembro: inscricións abertas ata o 18 de outubro.

O temario completo do exame está xa dispoñible para todo o mundo na plataforma de teleformación. Pódese acceder co usuario da rede CeMIT na sección de Cursos / Competencias Dixitais.

Para complementalo e facer máis accesible a formación, a Aula AMTIC vai realizar un curso presencial previo a cada convocatoria: un do 9 ao 16 de outubro, e outro do 6 ao 13 de novembro. Ambos cursos serán os mércores, de 17:15 a 18:45 horas.

Inscricións
As inscricións poden realizarse na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, sitiada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: de luns a venres de 10:00 a 12:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas (agás nas horas de formacións), enviando a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com, ou chamando ao teléfono 674 594 843, en horario de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano

Multimedia

  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano
  • A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro oferta novos cursos para o último trimestre do ano