Solapas principales

A Axenda Urbana de Ames avanza co lanzamento dunha enquisa aberta á participación cidadá

Jueves, 21 de marzo de 2024

O Concello de Ames avanza no desenvolvemento da súa Axenda Urbana, o documento estratéxico que busca lograr a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Para logralo, a administración local vén de habilitar unha páxina web da Axenda Urbana de Ames na que xa está dispoñible a enquisa para que a veciñanza de Ames exprese o municipio que desexa no horizonte do 2030.

O Concello habilita a web axendaurbanaames.com  que conta cun espazo para que a veciñanza exprese a súa opinión sobre o futuro do municipio. O cuestionario, de carácter anónimo, inclúe preguntas relacionadas cos retos urbanos, económicos, medioambientais e sociais do municipio.

“Buscamos a participación da poboación, as súas opinións e as súas ideas; é esencial para construír un futuro sostible para o noso municipio. Queremos facelo cun enfoque integrador e inclusivo, por iso poñemos en marcha un amplo proceso participativo no que se contemplan diferentes accións, como as mesas sectoriais, ou a consulta cidadá, entre outras”, explicou o alcalde de Ames, Blas García, “por iso convidamos aos nosos veciños e veciñas a cubrir a enquisa dispoñible na web https://axendaurbanaames.com/”.

O cuestionario, de carácter anónimo, busca que a veciñanza valore os retos identificados na primeira fase da Axenda Urbana, a de diagnose. Nel inclúense preguntas relacionadas cos retos dos ámbitos urbano, económico, medioambiental ou social. A partir de aí, o Concello buscará respostas ás problemáticas detectadas a través de proxectos e accións concretas.

Unha cidade máis sustentable
A Axenda Urbana de Ames é a folla de ruta para resolver as problemáticas do municipio; busca dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030, e máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables e a Axenda Urbana española. A Axenda Urbana tamén é necesaria para canalizar de xeito planificado boa parte dos fondos propios, e os de financiamento alleo ata 2030.

A Axenda Urbana de Ames avanza co lanzamento dunha enquisa aberta á participación cidadá