- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe o primeiro dos dous foros que se organizaron para explorar proxectos estratéxicos cos principais actores sociais do concello. Participaron representantes de clubs deportivos, asociacións empresariais, culturais, veciñais e de carácter social. Tamén participaron técnicos municipais do Concello e coworkers do espazo colaborativo A Proa. Coas achegas propostas elaborarase un documento que recolla as estratexias e proxectos acordados neste proceso participativo. O segundo foro será a vindeiro xoves, 18 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O alcalde de Ames, Blas García, que estivo acompañado por unha ampla representación do goberno municipal, foi o encargado de abrir o foro realizado esta mañá no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Na súa intervención destacou a importancia da participación cidadá neste documento que definirá “o Ames do futuro e reforzará as opcións do concello a optar a financiamento europeo no futuro”.
O obxectivo destes foros é facilitar o encontro entre as distintas entidades e actores do municipio co obxectivo de que se poidan expoñer aquelas estratexias, proxectos e accións máis prioritarias que se están a realizar, ou se teñen previsto realizar, dende o ámbito de actuación local.
O rexedor municipal destacou que “dende o convencemento de que o principal valor de futuro para o noso municipio é a capacidade de asociación entre os actores do territorio para afrontar os desafíos comúns, celébranse dous grandes foros municipais da Axenda Urbana de Ames. Estes foros participativos de exploración de retos e proxectos estratéxicos, permitiranos identificar os plans, programas e proxectos prioritarios do Ames de futuro que queremos e podemos conseguir”.
Blas García tamén explicou que “a Axenda Urbana é importante porque vai marcar o desenvolvemento do noso concello nos vindeiros anos, e todos e todas estamos aquí porque estamos preocupados por como vai ser ese avance, ese desenvolvemento. A Axenda Urbana é un documento estratéxico que estamos elaborando a maioría dos Concellos e que, fundamentalmente, ten que ser colaborativo e participativo coa veciñanza de Ames. Polo tanto, calquera veciño/a que queira participar e que teña unha idea que trasladar pode facelo”.
Este primeiro foro foi unha xornada de traballo na que participaron representantes de clubs deportivos, asociacións empresariais, culturais, veciñais e de carácter social. Tamén participaron técnicos municipais do Concello e coworkers do espazo colaborativo A Proa. O alcalde dixo “este foro serve para recoller todas as propostas e ideas que teñades sobre o noso concello; como vedes vós o Ames do futuro desde distintos ámbitos. Por iso é importante que todos aportemos o noso gran de area. Todas as ideas e propostas son válidas e estarán recollidas nese documento estratéxico que estamos elaborando”.
“Para chegar a este momento houbo un traballo previo, con reunións sectoriais e con outro documento estratéxico cunhas bases do que marca o desenvolvemento e o crecemento do noso concello. Hoxe estamos aquí para seguir avanzando, para escoitarvos e que acheguedes todas as ideas que teñades. Isto non acaba hoxe; elaboraremos un documento que trasladaremos ao ministerio. E non é o mesmo levar un documento elaborado só pola Corporación que un no que se reflictan achegas da veciñanza, asociacións e colectivos do concello”, destacou Blas García.
A través destes foros preténdese ampliar a base ou coñecemento sobre os proxectos e accións que as entidades, organizacións e institucións están a realizar ou teñen previsto realizar no municipio (terceiro sector, iniciativa privada e outros niveis da administración pública); así como identificar os proxectos, programas e accións máis importantes con incidencia nos grandes obxectivos definidos na Axenda Urbana de Ames para impulsar a acción colaborativa interinstitucional e público - privada e coa iniciativa social.
Ademais, búscase establecer unha orde de priorización dos devanditos proxectos e identificar aqueles que serán abordados de maneira prioritaria no marco da Axenda Urbana de Ames; e identificar os actores con capacidade de incidencia e colaboración entre eles no desenvolvemento de cada un dos proxectos priorizados.
Estrutura da xornada
Unha vez rematada a presentación do evento, persoal da empresa EOSA explicou a metodoloxía da xornada participativa e dividiuse aos participantes en dous grupos para participar en dúas mesas de traballo.
Na dinámica participativa houbo dúas roldas de intervencións onde se abordaron dúas preguntas. En primeiro lugar, cada participante explicou dende o seu ámbito de actuación, cales son os tres proxectos ou programas prioritarios que está a realizar, ou ten previsto realizar, desde a súa entidade/organización, que incidan nos obxectivos da Axenda Urbana de Ames e que é necesario fortalecer ou ampliar para conseguir o Ames que queremos.
Ademais, cada actor explicou cales consideran que son os tres proxectos prioritarios que deben desenvolver os actores externos (Xunta, Estado, UE etc.) para conseguir o Ames que queremos. Ao finalizar as roldas de intervencións, cada unha das persoas asistentes cumprimentaron un cuestionario, organizado en base a estas dúas preguntas tratadas nas intervencións.
A última fase do Foro foi unha posta en común, na que os/as participantes expuxeron brevemente os principais proxectos que xurdiron nas distintas mesas de traballo.
Obxectivos estratéxicos e transversais
A Axenda Urbana de Ames ten unha serie de obxectivos estratéxicos e transversais. Os principais obxectivos estratéxicos son fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro, como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a todas as persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación demográfica; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.
Por outra banda, entre os obxectivos transversais figuran fomentar e favorecer a gobernanza colaborativa no interior e de cara ao exterior do municipio; asegurar a igualdade de xénero en todos os estadios e proxectos da Axenda Urbana de Ames; e transicionar cara a era dixital no municipio.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames se involucra en la elaboración de su Agenda Urbana más colaborativa con dos foros"
Ames Go: "Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames"