Solapas principales

“Bailar agora” pecha este venres 22 de abril o mes da danza no Milladoiro

Miércoles, 20 de abril de 2022

Polo mes da danza, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle o segundo espectáculo de abril deste xénero. “Bailar agora” é o nome da proposta da artista Marta Alonso Tejada, da compañía TrasPediante, que estará en Ames o venres 22 de abril, ás 20:30 horas. “Bailar agora” é un impulso por situarnos no tempo actual das cousas, con plena consciencia sobre o aquí e o agora do que facemos e de como vivimos. As entradas poden adquirirse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Bailar agora” é unha aposta por situarse no presente, no tempo actual das cousas. Un xeito de conectar a través da danza co que estamos a vivir aquí e agora, con plena consciencia sobre o que estamos a facer dende unha posición social e persoal. A obra é un espello do poderío do baile, da liberdade que sentimos cando bailamos e da alegría e a felicidade que nos xera.

O espectáculo é unha creación de Marta Alonso Tejada, unha artista cunha ampla carreira que comeza en 2008, cando fundou a compañía TrasPediante. Ao longo da súa traxectoria como creadora e intérprete vén combinando a danza con outras disciplinas, como o teatro físico ou o circo. A interacción co público, o humor e a naturalidade son algunhas das súas marcas persoais, presentes ao longo dos seus traballos.

Esta proposta é a segunda das obras de danza programadas ao longo mes de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, co gallo do mes desta arte escénica, cuxo Día Internacional se conmemora dende o ano 1982 o día 29 de abril. A primeira fora “DeMente”, da compañía Fran Sieira, que se celebrou o venres 1.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas para "Bailar agora" poden adquirirse por 5 euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura do Milladoiro, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Danza con ‘Bailar agora’ de Tejada este viernes"

“Bailar agora” pecha este venres 22 de abril o mes da danza no Milladoiro

Multimedia

  • “Bailar agora” pecha este venres 22 de abril o mes da danza no Milladoiro
  • “Bailar agora” pecha este venres 22 de abril o mes da danza no Milladoiro
  • “Bailar agora” pecha este venres 22 de abril o mes da danza no Milladoiro