- Tematica
Con máscaras, sen público nin convidados, correndo ao carón dos mesmos compañeiros e compañeiras de convivencia nas aulas e mantendo todas as medidas de seguranza, o CEIP de Barouta celebrará por 5º ano consecutivo a súa carreira solidaria “Móvome pola paz”. Barouta pide que este ano se poña a ollada na infancia e que se teñan en conta as súas necesidades e preferencias á hora de facer as achegas dos produtos que após do evento entregaranse ao Banco de Alimentos Municipal. Calquera que o desexe, independentemente de que pertenza ou non a familia educativa de Barouta, pode colaborar con esta acción solidaria. A carreira desenvolverase o venres, 29 de xaneiro, véspera da celebración do Día Mundial da Paz.
“Móvome pola paz” é o lema co que naceu esta carreira solidaria. Malia o escenario de pandemia, e despois de meditalo moito, os responsables deste centro educativo decidiron manter a carreira como agradecemento ao esforzo o respecto co que o alumnado está comportándose nestes tempos difíciles.
“O noso día a día, e os medios de comunicación, fannos colocar a atención en exclusiva cara as dificultades e problemas do mundo das persoas adultas, sen darnos conta de que a infancia segue e está aquí, tamén sufrindo unha grande perda de dereitos fundamentais nunha etapa de desenvolvemento decisiva na súa vida”, manifesta Alonso Caxade, o director do CEIP der Barouta. Caxade salienta o enorme esforzo do alumnado e responsabilízao enteiramente do éxito que supón que hoxe se fale do entorno educativo como un entorno seguro: “A pandemia da COVID19 require medidas extraordinarias que todas as persoas estamos notando. Con todo, é importante que valoremos tamén o esforzo enorme que está facendo o noso alumnado, e en xeral todas as nenas e nenos aos que lles debemos que cando se fala de centros educativos se fale de entorno seguro; meditar sobre esta cuestión foi que nos fixo decidir que, con todas as precaucións e tomando todas as medidas de seguridade, manteríamos a carreira”.
Con arco de meta e sen convidados
Este ano o alumnado e o profesorado correrá en solitario pola finca de Barouta. Non haberá público e entre os corredores e corredoras non se verán pais nin nais, nin rapazada doutros colexios, nin deportistas de elite. Porque nesta ocasión, Barouta non poderá convidar ás familias a participar na carreira. Tampouco chamará a deportistas famosos da contorna para que amadriñen e apadriñen o evento. E tampouco participará na carreira o alumnado de 6º de primaria dos colexios da Maía e do Agro do Muíño, como facían sempre para que a rapazada, que ía coincidir no seguinte curso no IES de Bertamiráns, comezase a tomar contacto.
Emporiso, o escenario será o de sempre: todos e todas correrán coa camisola branca oficial da carreira, entregaranse medallas e unha bolsa conmemorativa cun bebible e algún alimento empacado ao remate da carreira. Tamén se montará o arco de meta. As máscaras sumaranse ao uniforme da carreira e cada alumno e cada alumna correrán só ao carón das compañeiras e compañeiros cos que comparten burbulla nas aulas.
Todos podemos participar
Como todos os anos, calquera que o desexe, independentemente que pertenza ou non á familia educativa de Barouta, pode participar nesta carreira solidaria, cuxo último fin é recadar alimentos e produtos de hixiene para o Banco de Alimentos Municipal. Os responsables do centro piden que este ano se poña a ollada na infancia e que se teñan en conta as súas necesidades e as súas preferencias tanto a nivel de alimentación como de hixiene á hora de facer as achegas: “Non queremos dicir que deixedes de mandar aceite, arroz, deterxente de lavar a roupa... senón que pensemos no que ás nenas e nenos lles gustaría recibir do Banco de Alimentos: cereais, cacao, dentífrico/cepillo infantil ou mesmo unha colonia, por dar algúns exemplos”, manifesta o director do CEIP.
Co obxectivo de non coincidir coas entradas e saídas do alumnado, as persoas que colaboren deberán ter en conta o momento no que se acheguen a entregar as súas doazóns: “As persoas que desexen doar, poden achegarse en horario escolar, a media mañá, para non coincidir cos momentos nos que entra ou sae o alumnado. Non entrarán no edificio, unha vez que chamen a porta, será a conserxe quen saia a recoller o donativo”, especifica o director de Barouta.
A concelleira de Servizos Sociais, responsable do departamento que xestiona o Banco de alimentos Municipal felicita ao CEIP de Barouta por manter a carreira e por facelo con tanto mimo e respecto: “É moi de agradecer que a pesares das circunstancias, decidirán seguir adiante e moi de valorar todo o traballo que están realizando a prol da seguridade na carreira”. Feijóo convida a toda a cidadanía a que colabore: “Será unha magoa non poder estar entre o público ou entre os corredores, porén será un orgullo poder colaborar con esta acción solidaria e eu pídolle á toda a cidadanía que, a pesares das circunstancias, e na medida do que cada quen poida, colabore coa carreira e faga as súas achegas de alimentos e produtos de hixiene”.
Pola súa banda, o concelleiro de Educación, David Santomil, quere agradecer a familia educativa de Barouta que se manteña o evento: "A carreira solidaria de Barouta ten unha grande importancia polo que supón de encontro entre a comunidade educativa, de modelo solidario e mesmo de día de celebración para a rapazada que este ano o merece máis que nunca. Quero agradecerlles o esforzo adicional que fan nesta ocasión para realizar a carreira e amosarlles todo o meu agradecemento", declara Santomil.