- Tematica
40 nenos/as participaron no concurso “Debuxa a túa Rosalía”, organizado co gallo da celebración do aniversario de Rosalía de Castro desde as Bibliotecas de Ames. A implicación da cidadanía nesta iniciativa tradúcese asemade no elevado número de “Gústame” que recibiron os debuxos. Para o mes de abril, a Biblioteca ten programado desenvolver outro concurso de debuxo, nesa ocasión a temática versará sobre o libro e a lectura.
Lara, con 350 “gústame” foi a gañadora da primeira categoría na que concursaban rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos. Na segunda categoría, na que participaban nenos e nenas de 9 a 12 anos, a gañadora foi Claudia que acadou 272 “gústame”.
A biblioteca municipal agradece a todos os participantes a súa implicación nesta iniciativa. Ademais, anuncia que a rapazada amesá terá unha nova oportunidade de amosar as súas habilidades artísticas no mes de abril, posto que xa está preparando un novo concurso de debuxo infantil. O concurso formará parte das actividades que a Biblioteca está preparando para celebrar o mes do libro.
Para esta nova convocatoria está previsto ampliar a idade dos/as participantes e establecer tres categorías. Na primeira poderán participar os nenos e nenas que cursan 1º, 2º e 3º de primaria. A segunda categoría abrirase para nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria e a terceira permitirá a participación aos alumnos e ás alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. O novo concurso consistirá na elaboración dun debuxo sobre un conto. A técnica a empregar será libre polo que a rapazada poderá traballar tanto con ferramentas clásicas de debuxo e pintura como acuarela, óleo, ceras ou lapis, como con técnicas dixitais, plastilina e collage.
Os nenos e nenas poderán debuxar o seu conto preferido, un que queiran recomendar, un autorretrato lendo, un debuxo sobre a hora do conto con aquela persoa que adoite lerlles ou calquera outra cuestión que se lles ocorra e que teña que ver co libro e a lectura.
A concelleira de Cultura, Natividade González, valora moi positivamente este tipo de iniciativas “porque achegan aos máis pequenos e pequenas da casa coñecemento e a interacción de personaxes históricos a través do debuxo, ao mesmo tempo que incentivan a imaxinación e a creatividade, e sobre todo, amosan a percepción desde a ollada dos nenos e nenas, que sempre resulta ser moi curiosa, e neste caso moi ilustrativa”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Estas dos niñas de Ames retrataron como ningún otro a Rosalía de Castro"