Solapas principales

As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura

Martes, 11 de enero de 2022

Con motivo do Día das persoas usuarias das bibliotecas, este martes 11 de xaneiro o departamento de Bibliotecas de Ames lanza a campaña Superlectores, coa que busca recoñecer ao seu público infantil e xuvenil máis fiel, á vez que presentan o seu fondo ás persoas que non o coñezan. Cada usuaria ou usuario de entre 0 e 18 anos poderá conseguir unha tarxeta de Superlectora ou Superlector, que irán enchendo de selos con cada préstamo para participar nun sorteo de libros que terá lugar o sábado 2 de abril, Día do libro infantil.

Haberá premios para cada unha das catro categorías dos Superlectores, que atribúe unha cor ás catro franxas de idade protagonistas da campaña. Así, a cativada dos 0 aos 5 anos recibirá a tarxeta branca; a vermella incluirá ás nenas e nenos dos 6 aos 8; a verde, para á rapazada dos 9 aos 12, e por último, a tarxeta azul, que será a do público xuvenil, dos 12 aos 18 anos.

Para poder optar a participar no sorteo dos lotes de libros, as persoas usuarias deben completar os ocos das súas respectivas tarxetas con selos, que se repartirán con cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas as tarxetas, estas depositaranse nas urnas das mesmas cores para así entrar na rifa, que se celebrará o sábado 2 de abril, Día do libro infantil.

Con esta campaña, o persoal do departamento de Bibliotecas busca continuar coas propostas de dinamización e animación á lectura, nun período no que non é doado realizar actividades por mor da situación epidemiolóxica. Desta maneira, recoñecen ademais o valor das usuarias e usuarios máis mozos nos seus centros, xa que unha das funcións chave das bibliotecas públicas é consolidar hábitos de lectura na poboación máis moza, segundo o Manifesto de Bibliotecas Públicas da Unesco.

Neste senso pronunciouse a concelleira de Cultura, Natividade González, que gabou o vínculo da cativada e da mocidade amesá coa lectura. “Con esta campaña de animación á lectura coa que comezamos o ano, dende o departamento de Bibliotecas ademais de incentivar a lectura tamén queremos premiar a todos e a todas as nosas Superlectoras. Son moitas as persoas que de xeito habitual acoden ao noso servizo de préstamo, nutrindo así este marabilloso hábito. Estou segura de que esta campaña vai ter unha gran acollida, e animamos a participar ao máximo número de veciños e veciñas”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Os superlectores usuarios das bibliotecas amesás entran en sorteo de obras"

As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura

Multimedia

  • As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura
  • As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura
  • As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura
  • As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura