Solapas principales

As bibliotecas de Ames organizan un obradoiro de creación de postais que se desenvolverá o venres 24 e o sábado 25 de marzo

Lunes, 13 de marzo de 2023

As bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Día Mundial da Poesía. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 24 de marzo no Milladoiro, e o sábado 25 en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, entre hoxe, día 13, e o vindeiro mércores 22. As inscricións poden facerse escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de querer asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de querer asistir ao de Bertamiráns).  

O departamento de bibliotecas amesán retoma novamente as actividades dirixidas aos nenos e nenas de 3º a 6º de Educación Primaria, ofrecendo desta volta o obradoiro de creación de postais con poemas e collages “Querida poeta, dous puntos”. Con esta iniciativa preténdese que os mozos e mozas se familiaricen coa poesía e a perciban como a materia prima para crear unha obra plástica. Así mesmo, tamén se busca crear un espazo para reflexionar sobre feminismo e igualdade a través dos textos e as imaxes propostas para que a rapazada traballe.

O taller desenvolverase de maneira dual nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns. No centro do Milladoiro terá lugar o venres 24, ás 17:30 horas; mentres que en Bertamiráns se celebrará o sábado 25, ás 11:30 horas.

O prazo de inscrición para participar nos obradoiros está aberto dende hoxe, 13 de marzo, e pechará o vindeiro mércores 22. A inscrición pódese facer escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (para o obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (para o de Bertamiráns).

Contacontos “Lobos e lobiños”
Por outra banda, as bibliotecas municipais están a desenvolver tamén as súas propostas de animación á lectura infantil. Para esta semana están programadas tres sesións do contacontos “Lobos e lobiños”, dirixido a crianzas de entre 3 e 8 anos, que terán lugar mañá martes, o mércores e o xoves na biblioteca de Bertamiráns, ás 17:30 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación de contacontos do primeiro semestre ao completo e as datas de inscricións.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "As bibliotecas de Ames van celebrar o Día da Poesía cun taller de postais para escolares"

As bibliotecas de Ames organizan un obradoiro de creación de postais que se desenvolverá o venres 24 e o sábado 25 de marzo

Multimedia

  • Cartaz do obradoiro de creación de postais das bibliotecas