Solapas principales

As bibliotecas de Ames presentan as súas actividades de animación á lectura para o público infantil do último trimestre

Lunes, 26 de septiembre de 2022

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación infantil para os meses de outubro, novembro e decembro, cunha serie de seis obradoiros e sesións de narrativa oral que terán lugar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. O prazo para inscribirse en “Xogando cos contos”, unha sesión de contacontos dirixida a nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, xa está aberto dende hoxe 26 de setembro.

Coa posta en marcha do curso lectivo e a chegada do outono, as bibliotecas amesás arrincan de novo a súa programación habitual de animación á lectura para o público infantil, con seis propostas de narrativa oral e obradoiros ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. O conxunto de actividades foi presentado o pasado venres na biblioteca do Milladoiro, nun acto no que participaron a concelleira de Cultura, Natividade González, e Bibiana Calvo, técnica de animación á lectura.

“Rematamos o ano cun trimestre moi completo en canto a actividades, con obradoiros, contacontos, e con contidos moi definidos e temáticas específicas, como o Mes da Ciencia, a celebración do Día da Biblioteca, e rematando co Nadal. Unha vez máis as animadoras á lectura de Ames programan actividades para os mais miúdos da casa e para a rapazada en ambos espazos do Milladoiro e Bertamiráns”, destacou a concelleira de Cultura, Natividade González.

Para reservar praza nestas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, cómpre poñerse en contacto co departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, mentres que para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.

Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos

Ao longo do último trimestre do ano, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidos a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.

Neste senso, a primeira actividade será “Xogando cos contos”, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de outubro na biblioteca do Milladoiro e os días 18, 19 e 20 en Bertamiráns. As inscricións para participar na sesión do Milladoiro xa están abertas dende hoxe 26 de setembro ata o 1 de outubro. Pola súa banda, para Bertamiráns poderase realizar a inscrición do 10 ao 15 de outubro.

A proposta correspondente ao mes de novembro será “Contando e croando”, que se desenvolverá os días 8, 9 e 10 no Milladoiro e o 15, 16 e 17 de novembro en Bertamiráns. Neste caso, as inscricións abrirán do 31 de outubro ao 5 de novembro para a actividade no Milladoiro e do 7 ao 12 de novembro para a sesión en Bertamiráns.

Por último, a última sesión do ano será “Unha sopiña de contos”. Ao igual que as demais actividades desenvolverase en tres xornadas, os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro no Milladoiro, e o 13, 14 e 15 de decembro en Bertamiráns. Para inscribirse, o prazo estará aberto do 21 ao 26 de novembro para a biblioteca do Milladoiro, mentres que en Bertamiráns o período para anotarse será do 5 ao 10 de decembro.

Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria

Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén tres obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:30 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.

Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, o primeiro taller literario, “As cousas pequenas contan”, terá lugar o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. As inscricións para esta actividade poderán realizarse para ambas bibliotecas do 10 ao 17 de outubro.

Xa en novembro, realizarase o obradoiro “Biotecnólogos resolven un crime na biblioteca”, que se desenvolverá o venres 11 no Milladoiro e o sábado 12 en Bertamiráns, ao carón do Día Mundial da Ciencia, que se celebra o 10 de novembro. O prazo para inscribirse abrirá o 31 de outubro e pechará o 7 de novembro.

Para concluír as propostas de animación á lectura, en decembro terá lugar un obradoiro de manualidades de Nadal, que se celebrará o venres 16 no Milladoiro e o sábado 17 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 1 ao 12 de decembro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cuentacuentos y obradoiros infantiles hasta fin de año en las dos bibliotecas"

As bibliotecas de Ames presentan as súas actividades de animación á lectura para o público infantil deste último trimestre

Multimedia

  • Cartaz das actividades das bibliotecas de Ames do último trimestre de 2022
  • "Xogando cos contos", primeira sesión de contacontos