Solapas principales

As bibliotecas municipais de Ames celebran o Día da Biblioteca cun amplo abano de actividades de fomento da lectura

Lunes, 14 de octubre de 2019

Con motivo da celebración o próximo xoves 24 de outubro do Día da Biblioteca, o departamento municipal de Bibliotecas do Concello de Ames inicia unha programación especial con actividades que fomentan a lectura e o uso destas instalacións municipais. Haberá visitas guiadas polas bibliotecas, contacontos para os máis pequenos, premio a “superlectores/as” ou recomendacións de libros.

Unha das actividades que xa se encontra en marcha agora mesmo é Recoméndanos un libro, unha iniciativa na que os/as lectores/as da biblioteca recomendan lecturas a outras persoas. Farase a través dunha fotografía co libro recomendado. Dita fotografía pode facerse de maneira presencial na biblioteca ata o 21 de outubro. Outra opción é enviala ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As recomendacións serán publicadas no Facebook da biblioteca e a partir do día 24 farase unha mostra nas bibliotecas municipais coas recomendacións.

Se o que queres é coñecer mellor as bibliotecas do concello, haberá dúas visitas guiadas en ambas bibliotecas, unha o mércores 23, en horario de tarde ás 18.00 horas, e o xoves 24 de outubro, ás 11.30 horas da mañá. Para participar nestas visitas é necesario inscribirse previamente, do 14 ao 21 de outubro, enviando un correo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou de maneira presencial nas bibliotecas. Para poder desenvolver esta actividade ten que haber un mínimo de 5 persoas inscritas en cada un dos grupos.

Para o lecer dos máis pequenos, o xoves 24 está programado o contacontos Contos do dereito e do revés, destinado a nenos de entre 3 a 8 anos. Será ás 17.30 na Biblioteca do Milladoiro, e a entrada é de balde ata completar aforo. Trátase dunha actividade de dinamización lingüística e sensibilización fronte a violencia de xénero, a través da narración de contos tradicionais e obras de creación contemporánea.

Ademais ese mesmo día tamén se fará entrega dos premios aos máis “superlectores/as”. Así, durante toda a xornada, as persoas que máis leron nas bibliotecas municipais ao longo do ano recibirán un agasallo conmemorativo do Día da Biblioteca. Para máis información sobre estas actividades, pódese enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981 88 48 29  da Biblioteca de Bertamiráns ou  981 53 88 07 da Biblioteca do Milladoiro.

A concelleira responsable das Bibliotecas municipais, Natividade González, anima a veciñanza amesá a participar nas actividades conmemorativas do Día da Biblioteca. “Trátase dunha fermosa iniciativa do persoal das Bibliotecas Municipais de Ames que ten o obxectivo de fomentar á lectura entre a cidadanía e incentivar o uso das bibliotecas municipais.  Achegádevos as bibliotecas para compartir cos nosos lectores as vosas recomendacións”.

Cartel do Día da Biblioteca

Multimedia

  • Cartel do Día da Biblioteca
  • A concelleira, Natividade González, xa fixo a súa recomendación literaria