Solapas principales

As Bibliotecas Municipais de Ames seguiron animando á lectura pese á COVID-19

Viernes, 13 de agosto de 2021

O Concello de Ames realiza ao longo do ano unha ampla programación de actividades a través das Bibliotecas Municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Esta programación ten como obxectivo animar á  lectura a nenos e maiores e fidelizar novos usuarios e usuarias. A pedra angular desta programación son os contacontos dirixidos ao público infantil. Cunha periodicidade mensual achéganlle a nenos de entre 3 e 8 anos novos títulos e os clásicos que sempre triunfan. Ademais, dende as bibliotecas realizan obradoiros e actividades dirixidas ao público adulto. Na programación deste ano destacou, ademais, a presentación de dez novos títulos da literatura galega.

Ata dez, Confundindo historias ou Onde está o nariz de Pinocho? son algúns dos títulos que as animadoras das Bibliotecas Municipais do Concello de Ames contaron nas sesións de Contacontos infantís. Estas sesións convertéronse, un ano máis, no piar fundamental da programación de animación á lectura das Bibliotecas Municipais.

Os contacontos infantís, que se levan desenvolvendo dende o ano 2004, están dirixidos a crianzas de entre 3 e 8 anos e teñen como obxectivo crear e consolidar hábitos de lectura en nenos e nenas. Este ano os Contacontos abordaron tres áreas temáticas: o coñecemento de si mesmo, o coñecemento do entorno e a linguaxe e a comunicación. Logo de mergullarse nos contos, as animadoras das Bibliotecas reflexionaron sobre o tema tratado e animaron aos nenos e ás nenas a participar na “Maleta dos contocontos” unha mostra bibliográfica para que os nenos poidan levar en préstamo libros sobre os temas tratados. Por mor da COVID-19, este curso 2020-2021, as sesións pasaron de ser quincenais a mensuais e dende o mes de novembro tiveron que retomarse as sesións virtuais baixo os #dixicontos. Os usuarios amosaron un grande interese por estas sesións virtuais acadando as 1454 visualizacións a sesión de Loboferoz, 1016 A xoaniña rosmona ou as 706 de Conta ratos.

Pero non só de contacontos viven as Bibliotecas Municipais, no marco desta programación de animación á lectura realizaron varios obradoiros para nenos e nenas maiores de 8 anos. O Obradoiro de Creacontos, Autores con pegada, o Obradoiro de Nadal ou o obradoiro Quen dis que era Xela Arias? teñen como obxectivo fidelizar e atraer ás bibliotecas aos nenos e nenas de máis de 8 anos, unha idade en que se converten en lectores autónomos e onde é importante facer un esforzo para que non decaia a afección pola literatura.

O público adulto tamén ten o seu espazo nas Bibliotecas Municipais. Este curso 2020-2021 programaron diversos contacontos e obradoiros para animar aos adultos a ler e a visitar as bibliotecas. Neste marco inclúese o contacontos Pequenas historias subversivas en que Dani Blanco quixo recuperar, recontar e lembrar a toda esa pequena xente que fai grande o mundo e Arrolando as flores que da man de Vero Rilo achega unha selección de historias de vida, de autor, tradicionais e de recollida. Na mesma liña programáronse a proxección do documental Vértice de versos e coloquio recital con Emma Pedreira e Como contar contos un obradoiro formativo en narración oral onde a través de dinámicas e exercicios os participantes aprenderon as técnicas básicas de narración oral.

A grande aposta da programación para o público adulto son as presentacións e as charlas literarias que este ano tomaron o nome de Encontros literarios. Baixo este título dez autores galegos achegáronlle ao público amesán os seus novos libros.

Os encontros comezaron con Irmandiñas un texto en que Aurora Marco nos fai sabedores de que pese a que a historia o silenciase as mulleres tamén participaron na acción social, cultural e política nas primeiras décadas do século XX.

Seguiulle Libres e vivas, unha obra coral escrita por dez autoras que dende diferentes puntos de vista abordan a cuestión do machismo.

Carlos Negro presentou Non cantan paxaros neste bosque, unha obra de nove relatos de terror e suspense dirixidos a un público xuvenil.

Os encontros proseguiron con Movendo os marcos do Patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán. Esta obra da Editorial Galaxia busca reflexionar sobre o modo en que as ideas de Emilia Pardo Bazán contribúen ao actual movemento feminista e expón os pensamentos centrais da escritora.

O soño de Liam de David Navarro é un texto que se serve do baloncesto para falar dos soños e das arelas de calquera neno ou nena, do afán de superación e das posibilidades de acadar eses soños.

O sexto encontro foi para Tomás Guerrero que presentou A deserción de Stalin onde o autor mestura a imaxinación coa realidade histórica e Tanta paz leves onde nos traslada aos difíciles anos da posguerra europea a través de milleiros de historias de vencedores e vencidos.

Xela Arias, a homenaxeada no Día das Letras Galegas tamén tivo o seu día nos Encontros Literarios das Bibliotecas Municipais do Concello de Ames. Foi a través da obra Intempestiva, unha biografía de Xela Arias de Montse Pena.

O seguinte encontro foi para Charo Pita e Laura R. Cuba coa presentación do Cuarto de Jane, gañadora do XV Premio de poesía erótica Illas Sisargas e de Rascamasseiras que gañou un accésit.

Suso de Toro acudiu a Bertamiráns para presentar Un señor elegante, unha obra onde o escritor realiza unha indagación para reconstruír a historia dunha familia que, en distintos momentos, protexe a Rosalía de Castro e a Manuel Murguía e logo a Castelao ou a Dieste.

Carlos Negro volveu ser protagonista do décimo encontro coa presentación de Estrita necesidade. Trátase duns versos e fotografías coas que o autor rende homenaxe escrita e visual á xeración de pais da posguerra, a uns tempos de racionamento, austeridade, duro traballo, afectos fondos e resistencia.

As Bibliotecas Municipais completaron o programación de animación á lectura con actividades ao longo do curso como a campaña Vive o nadal que se levou a cabo nas Librarías de Ames, un concurso de debuxo para celebrar o Día de Rosalía, mostras bibliográficas para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora e o Día da Poesía e unha ampla programación para festexar o Día do Libro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "As Bibliotecas Municipais gañáronlle a batalla pola cultura ao coronavirus "

Contacontos presencial na biblioteca no mes de outubro

Multimedia

  • Sorteo Librarías Nadal
  • Mostra de bibliografías
  • Obradoiro autores con pegada en abril
  • Narración de Raquel Queizas sobre Xela Arias en maio
  • Mostra de recursos bibliográficos publicados nas redes sociais
  • Obradoiro de Nadal Decembro
  • Presentación Carlos Negro en xuño
  • Seráns en Tapia en xullo
  • Unha das gañadoras do concurso infantil de debuxo no día de Rosalía