Solapas principales

Biduído acolle este sábado una nova edición do SolporSon no que haberá unha Holi Party e un concerto de Boyanka Kostova

Jueves, 07 de julio de 2022

Este sábado, 9 de xullo, realizarase, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrancará ás 18:30 cunha Holi Party, trátase dun espectáculo participativo no que lanzarán 150 quilos de po de cores ao ritmo marcado polos DJ´s Dumore e Enter. Despois da festa, ás 22.30 horas, tomará o relevo Boyanka Kostova, considerados os pioneiros do trap en galego. Para asistir ao festival haberá servizo de buses dende o Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de que a mocidade poida acudir e volver á Holi Party e ao concerto sen necesidade de utilizar vehículo propio.

O campo da festa de Biduído acollerá unha nova edición do SolporSon de Ames. Será este sábado, 9 de xullo, cunha Holi Party e cun concerto de Boyanka Kostova. Unha edición que chega con importantes novidades e co obxectivo de responder ás demandas da mocidade amesá.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que este SolporSon 2022 é froito das demandas da rapazada. “É unha edición que está pensada en base ás suxestións que nos chegan da mocidade. Dende a Holi Party que realizou a comisión de festas de Ortoño en 2019, a mocidade trasladounos que tiña ganas de máis, que querían unha nova Holi Party. Entón quixemos darlle unha volta ao SolporSon deste ano e que comezara con esa Holi Party tan demandada”.

Escarlata Pampín engade “dábanos pena quedarnos nesa Holi Party e non poder desfrutar de música ao vivo, entón xurdiu a idea de facer un concerto de Boyanka Kostova para pechar a festa e desfrutar da música deste dúo que vai sorprender coa súas cancións cheas de retranca”.

Holi Party
A festa dará comezo ás 18:30 horas cunha Holi Party. Ao longo de tres horas haberá tiradas programadas de pos de cores para que a mocidade desfrute saltando, bailando e manchándose uns aos outros. Dende a organización lanzarán 150 quilos de pos para que a xente remate chea de cor. Son uns pos biodegradables e que non fan ningún tipo de dano, simplemente aseguran a diversión. Será un espectáculo moi grande con dous DJ´s de primeiro nivel: Dumore, que é un dos DJ máis aclamados do panorama nacional; e DJ Enter que pincha nas mellores salas de Galicia.

Concerto de Boyanka Kostova
Ás 22:30 horas chega a quenda da música en directo co concerto de Boyanka Kostova. Cibrán García e Chicho son considerados os pioneiros do trap en galego, coas súas cancións encherán a parroquia de Biduído dos seus ritmos urbanos e das súas letras cheas de retranca galega. Este grupo musical destaca pola mestura de cumbias con música electrónica.

Cómpre lembrar que o festival SolporSon naceu para darlle pulo aos grupos que ensaian na Factoría ao longo do ano. A concelleira de Mocidade explica que “estamos argallando a posibilidade de facer un festival exclusivo para os grupos que ensaian na Factoría para darlles esa difusión e dar a coñecer o seu traballo e a súa música. Este ano era moi complicado darlle encaixe coa Holi Party, pois había moitas complicacións técnicas, pero antes de que remate o verán intentarase que teñan o seu propio festival”.

Servizo de autobús
Para asistir ao festival haberá servizo de buses dende o Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de que a mocidade poida acudir e volver á Holi Party e ao concerto sen necesidade de utilizar vehículo propio.

Deste xeito, haberá dúas liñas de autobús. A primeira sairá dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 17.00 horas, e pasará pola Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17.15 horas. A segunda liña sairá do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 18.00 horas, e pasará pola Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.15 horas. A volta farase dende Biduído a tres horas distintas: ás 21.45h, 22.45h e 23.45h ou 00.00 horas (dependendo da hora á que remate o concerto de Boyanka Kostova).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "«Holi party» y el trap de Boyanka Kostova en Ames"

El Correo Gallego: "Música e Holi Party este sábado en Biduído para animar o verán a toda a mocidade"

Biduído acolle este sábado una nova edición do SolporSon no que haberá unha Holi Party e un concerto de Boyanka Kostova

Multimedia

  • Biduído acolle este sábado una nova edición do SolporSon no que haberá unha Holi Party e un concerto de Boyanka Kostova
  • Biduído acolle este sábado una nova edición do SolporSon no que haberá unha Holi Party e un concerto de Boyanka Kostova