- Tematica
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde de Ames, Blas García, con quen estudou vías de colaboración en materia de solo industrial e vivenda. Á reunión, por parte do Concello de Ames, asistiu tamén o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández e, por parte da Xunta, Heriberto García, Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Nesa liña, en materia de solo empresarial, a vicepresidenta segunda e o rexedor analizaron novas posibilidades de desenvolvemento industrial en Bertamiráns a través dun cambio nunha delimitación do Plan sectorial. Para levar a cambio esa modificación, o Concello presentará unha proposta coa nova delimitación acompañada da correspondente análise de viabilidade para a proxección deste polígono situado sobre o límite municipal ao nordeste de Brión, con acceso no desvío a Negreira dende o acceso norte por Bertamiráns da autovía Santiago-Noia.
O alcalde de Ames, Blas García, en declaracións aos medios esta mesma mañá valorou o encontro como “positivo”. Na actualidade comezarase a traballar na delimitación dun espazo que nun comezo ía ser de arredor de 50.000 metros cadrados, pero que despois da reunión se intentará que chegue aos 200.000 metros cadrados. Este aumento da superficie responde á posibilidade de poder desenvolver este espazo industrial en varias fases, feito que permitirá responder ás futuras necesidades de crecemento das empresas que se asenten ou ás novas que mostren interese. García confirma que “estamos a traballar para enviarlle a documentación pertinente á Consellería para que incluían isto no futuro plan de polígonos de Galicia” e expón que calcula un prazo de “dous anos para poder dispoñer dos terreos e poder comezar a traballar”.
A maiores, tamén abordaron as necesidades do municipio de Ames en materia de vivenda, así como as diferentes liñas de axudas e programas de actuación que pon o Instituto Galego da Vivenda e Solo á disposición dos Concellos para reforzar o seu parque público residencial. Dende a delegación amesá valorouse con bos ollos as opcións propostas, iniciando deste modo o proceso para poder acollerse ás axudas e aos programas de actuación dispoñibles nesta materia.
Esta reunión pon de manifesto a boa relación institucional que viña tendo o Concello de Ames coa Xunta de Galicia, ata que o pasado 18 de outubro decidiron actuar de forma unilateral manifestando a intención de presentar un recurso contra a humanización da travesía do Milladoiro, “o investimento máis elevado da historia do Milladoiro e de Ames”. O rexedor volve chamar ao diálogo e á rectificación do ente autonómico “polo ben da veciñanza de Ames”.
Acreditación da demanda de solo industrial
Dende os servizos técnicos do Concello de Ames está constatada a necesidade de ampliar o solo industrial nas inmediacións dos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns. A día de hoxe o polígono do Novo Milladoiro atópase colmatado (aínda que con posibilidade de expansión) e non existen alternativas preto da zona de Bertamiráns.
En numerosas ocasións chegan consultas sobre naves illadas executadas nos anos 80 e 90 nos núcleos rurais en desconformidade coa regulación vixente ou fóra de ordenación, así como consultas de empresas para establecerse en baixos de edificacións de vivenda colectiva, unha opción de difícil encaixe salvo que se houbesen proxectado simultaneamente para a súa implantación.
Por último, a gran demanda de parcelas fai que se presenten numerosas ofertas cando existe a posibilidade de compra, vendéndose finalmente por importes moi superiores á taxación inicial.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames estudia con la Xunta la dotación de suelo industrial en suelo limítrofe con Brión"
El Correo Gallego: "Ames cuadruplicará el futuro polígono previsto en Bertamiráns para obrar dentro de 24 meses"
El Correo Gallego: "Avanza un futuro polígono de Bertamiráns que se disparará hasta los 200.000 metros cuadrados"
Ames Go: "Ames expón á Xunta a necesidade de multiplicar o solo industrial en Bertamiráns e O Milladoiro"