Solapas principales

Blas García e Valentín Formoso acordan impulsar o Mercado Municipal de Ames cunha achega de 700.000 euros da Deputación da Coruña

Miércoles, 11 de octubre de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantiveron unha xuntanza de traballo na sede da institución provincial á que tamén asistiu a tenente de alcalde amesá, Susana Señorís. A reunión foi solicitada polo rexedor para tratar de impulsar temas de vital importancia para o Concello de Ames e a súa veciñanza, relativos á construción do Mercado Municipal, a mellora da seguridade viaria e cesión da estrada da Condomiña a Bugallido, o enlace da mesma coa DP-0206 ou a construción dun Centro de Atención aos Maiores en Cruxeiras.

Formoso comprometeu o apoio económico da Deputación, cunha achega de 700.000 euros en dous anos, para acometer as obras do Mercado Municipal de Ames, un proxecto que foi presentado no pasado mes de marzo e que comprende a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade.

A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Ames para facer posible esta actuación, que o rexedor amesá confía en poder complementar con fondos de outras administracións como a Xunta de Galicia, á que se vén de solicitar varias xuntanzas de traballo a diversas instancias para tratar, entre outros asuntos, este tema.

O alcalde de Ames, Blas García, valorou a xuntanza como “moi produtiva” e recalcou que “os acordos acadados repercutirán de forma moi positiva no comercio local, na seguridade viaria, na mobilidade peonil e na atención aos nosos maiores”. García incidiu na “vital importancia de colaborar entre as distintas administracións para sacar adiante proxectos que repercutan de forma positiva na vida da xente, que é o fin último da política”.

Formoso e García abordaron tamén á mellora da seguridade viaria e á posterior cesión da estrada da Condomiña a Bugallido, así como o seu enlace coa DP-0206. Este trátase dun tramo pertencente ao Camiño de Muros-Noia no que está contemplado dentro da actuación a construción dunha senda peonil ciclable.

Por último tanto o rexedor amesá como o presidente da Deputación se comprometeron a buscar vías de colaboración e fórmulas de actuación para a construción dun Centro de Atención aos Maiores en Cruxeiras, “unha infraestrutura moi necesaria e pola que, dende o Concello de Ames, estamos a traballar para facela posible”, finaliza García.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "La Diputación ayudará a financiar el primer mercado municipal para la capital de Ames"

La Voz de Galicia: "El mercado municipal de Ames contará con una aportación de 700.000 euros de la Diputación"

AMS GO!: "A Deputación destinará 700.000 euros para o mercado municipal de Ames"

Imaxe da reunión co presidente da Deputación