Solapas principales

Blas García presenta en Fitur a campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”

Jueves, 25 de enero de 2024

Este pasado mércores, 24 de xaneiro, o alcalde de Ames e responsable da área municipal de Turismo, Blas García, presentou na Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid do 24 ao 28 de xaneiro, a campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”. Trátase dunha campaña posta en marcha pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, para promocionar dito Camiño de Santiago. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo promocional desta campaña.

O alcalde de Ames, Blas García; xunto á alcaldesa de Fisterra, Aurea Domínguez; á alcaldesa de Cee, Margot Lamela Louzán, e a Toño Casais, creador do vídeo da campaña, presentaron no stand de Turespaña as características do Camiño Fisterra-Muxía. A asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que Ames forma parte, foi a encargada de organizar este evento dentro de Fitur.

Na presentación da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”, o rexedor amesán, Blas García, destacou que “hai camiño máis alá de Santiago. O Camiño de Fisterra-Muxía é o único Camiño que non acaba en Santiago, senón que comeza en Santiago e nos leva ata a fin do mundo. É un Camiño que ten moita vida, pero ademais disto, ten ríos, mar, montañas, ata ten un home lobo na súa lenda. Tamén ten moita luz, monumentos... pero sobre todo ao longo do seu percorrido podes atopar moitas persoas que van acompañar e van facer máis alegre o camiño que discorren os peregrinos e peregrinas”.

Por outra banda, Blas García indicou que “polo concello de Ames discorren tres camiños e un deles é o Camiño de Fisterra-Muxía. Trátase dun camiño moi importante e distinto a todos os outros. Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra somos os Concellos que formamos parte da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, que hoxe estamos aquí, para promocionar dita campaña. Moitos xa coñecedes este Camiño, pero os que non o coñezades estades convidados a percorrelo porque seredes ben recibidos”.

Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía
A Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía ten como obxectivo promover a defensa e mellora do patrimonio natural e histórico-artístico do percorrido, planificar e acometer iniciativas de desenvolvemento sostible do territorio, canalizar a promoción turística e elaborar programas turísticos e medioambientais.

En 2022 promoveuse a posta en marcha dun plan de actuación orientado á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas. O obxectivo final é a posta en valor deste itinerario, que é unha das rutas principais do Camiño de Santiago recollida na lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, co obxectivo último da súa delimitación.

En 2023 acordouse solicitar á presidencia da Xunta de Galicia unha reunión para tratar a oficialización do Camiño dende Santiago a Fisterra e Muxía.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cocido, Camiño e historia da salazón en Barbanza e Arousa ‘toman’ Fitur"

Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”

Multimedia

  • Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”
  • Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”
  • Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”
  • Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”
  • Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”
  • Embedded thumbnail for