Solapas principales

Carlos Lorenzo presenta o seu documental sobre a poesía galega contemporánea na Casa da Cultura de Bertamiráns

Miércoles, 09 de diciembre de 2020

Este venres, 11 de decembro, ás 20.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a proxección dun documental no que se repasa o sucedido nos anos 90 no mundo literario galego. “Vértice de versos” complementarase co coloquio organizado polo propio director do documental e cun recital de Emma Pedreira. A entrada, gratuíta, deberase reservar o convite na billeteira electrónica municipal ata dúas horas antes da actividade. Esta actividade está organizada polas Bibliotecas municipais de Ames.

Carlos Lorenzo achégalle aos veciños e veciñas de Ames o seu documental “Vértice de versos” no que se fará un percorrido pola poesía galega dende os anos 90. O evento terá lugar este venres, 11 de decembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Durante 65 minutos, o director e o produtor da longametraxe tratará temas como a fortaleza da lírica de Galicia nos últimos anos, as novas formas de expresión poética, o valor da lingua neste formato e o destacado papel da muller na actual poesía. “Vértice de versos” centra a súa atención en catro poetas: Baldo Ramos, Emma Pedreira, Yolanda Castaño e Gonzalo Hermo.

Tras a proxección do documental, Carlos Lorenzo conducirá un coloquio no que poderán participar os asistentes. Ademais, a poeta galega Emma Pedreira recitará parte da súa obra.

Reserva de convites

A entrada é gratuíta, pero é preciso reservar o convite na billeteira electrónica municipal, ata dúas horas antes da actividade. Debido ás restricións por mor da Covid-19, haberá límite de aforo, con asignación de butaca, ben individual ou por agrupamento familiar de forma automática na billeteira electrónica. Se quedaran convites se vender a través da billeteira electrónica, poderanse recoller na Casa da Cultura de Bertamiráns desde unha hora antes do comezo da función.

Contos a debate

Por outra banda, a través do programa “Animación á lectura” das Bibliotecas municipais de Ames, organízase para este sábado, 12 de decembro, o obradoiro “Os contos a debate” na biblioteca de Bertamiráns, ás 11.00 horas. Para asistir é imprescindible anotarse previamente chamando aos números de teléfono 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou ao 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro). Tamén se poden realizar as inscrición enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Ademais, este sábado 12 de decembro, Vero Rilo impartirá o contacontos para adultos “Arrolando as flores”. Os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de Facebook das bibliotecas do Concello de Ames.

 

Actividades para adultos.

Multimedia

  • Actividades para adultos.