Solapas principales

Carlos Negro e Benxamín Otero presentan no Pazo da Peregrina “Estrita necesidade”

Martes, 08 de junio de 2021

O pazo da Peregrina acolle o xoves, 10 de xuño, ás 20:30 horas, a presentación de “Estrita necesidade”, unha obra escrita por Carlos Negro e ilustrada por Benxamín Otero . O traballo é unha homenaxe á xeración dos pais da posguerra. Ao acto, presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, tamén acudirán o poeta Baldo Ramos e o editor Henrique Alvarellos. A entrada ao acto é gratuíta até completar o aforo que é limitado por mor da normativa de prevención da COVID19.

A obra "Estrita necesidade" rende homenaxe á xeración dos pais da posguerra. Trátase duns versos e fotografías que compoñen a nova obra de Carlos Negro, ilustrada por Benxamín Otero. O libro, da editorial Alvarellos Editora, homenaxea, escrita e visualmente, á xeración de pais da posguerra, a uns tempos de racionamento, austeridade, duro traballo, afectos fondos e resistencia.

Carlos Negro, nado en Lalín, abrangue tres oficios de paciencia: poeta, profesor e pai; leva desde os anos noventa a publicar con regularidade, con premios nalgúns casos, sen eles tamén. Gústalle ir polos institutos, cargado de versos e onzas de chocolate. Ás veces ponse irónico e escribe aforismos ou dicionarios diabólicos. Sente debilidade polos contos de pantasmas, as orquídeas en lor e os acrósticos inesperados. Con Estrita necesidade pon as entrañas a clareo, mentres unhas maos familiares pranan unha mazá sobre o mesado da cociña.

Benxamín Otero, nado na mesma localidade pero 9 anos despois, mira as nubes. Gústalle miralas. Tamén lle gusta a beleza da luz pousada, e das flores. O que contan as mans, as maneiras diferentes de dicir. Ou os pequenos asombros. Ás veces intenta gardar esas maxias do cotián nalgunha fotografía ou nunha música. E xogar.

Carlos Negro e Benxamín Otero presentan no Pazo da Peregrina “Estrita necesidade”

Multimedia

  • Carlos Negro e Benxamín Otero presentan no Pazo da Peregrina “Estrita necesidade”