- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza para este domingo, 18 de decembro, un concerto no que participarán distintas agrupacións amesás de música e baile tradicional. O recital, enmarcado dentro da programación de Nadal do Concello, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 19:00 horas. Os convites xa se poden descargar de balde na Billeteira eléctronica.
O programa de actividades de Nadal do Concello de Ames continúa este domingo co primeiro dos concertos organizados polo departamento de Cultura nestas datas festivas. Trátase dun recital que contará coa presenza dos grupos A Requinta da Maía, Airiños do Paseo de Colón, As Maianas, Os Retranqueiros e Os Castros. A actividade está dirixida a todos os públicos, e a entrada é de balde ata completar aforo.
O concerto, que terá lugar as 19:00 horas deste domingo, 18 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, durará aproximadamente 75 minutos. Os convites xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello.
O evento abrirao Airiños do Paseo de Colón, que tocará a muiñeira Os vinte compases, a foliada Campelo, e o pasodobre-muiñeira A volta da festa. Trátase dunha agrupación formada por oito compoñentes cun repertorio interpretado por gaitas, clarinete, saxo, acordeón, bombo, tambor e pandeireta, que leva participando en festivais e festas patronais dende o ano 2017.
Pola súa banda, a asociación cultural Os Castros participará coa súa banda de gaitas, que interpretará o pasodobre de Guisoi e a muiñeira A Freixa, e co seu grupo de danza, que bailará a muiñeira Redonda. Actualmente, a banda de gaitas está formada por 30 compoñentes, sumando gaiteiros e percusionistas. Empregan gaitas de buxo, tambores, bombos e pandeiretas, e en ocasións introducen algún elemento non típico como a caixa chinesa para ornamentar algunha peza. Doutro lado, a banda de baile está conformada por tres grupos de persoas de distintas idades comprendidas entre os sete e os trinta anos, e que buscan espallar o folklore por todos os recunchos de Galicia.
Por outro lado, Os Retranqueiros tocarán Lerelé, a xota de Merexo e a muiñeira das Nogais. Tamén participarán As Maianas, un grupo de cantareiras que se xestou no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde gravaron o disco Xota de Amaía. Ao longo dos anos, As Maianas gravaron distintos discos con composicións propias nas que se mesturan cancións melódicas e líricas, e actuaron por toda a xeografía galega en todo tipo de festivais, concertos, festas e romarías. Nesta ocasión, interpretarán De trisca, Nada es, Sementarei e Palmira.
Por último, A requinta da Maía tocará o vals de Lalín, o pasodobre dos Trabazos e a muiñeira e xota da Limia. Esta agrupación, tamén creada en Ames, está formada por profesores e ex-alumnos da Asociación Cultural Follas Novas, que leva dende o 2002 impartindo aulas de música e baile tradicional, e que este ano está asentada nos locais de Cruxeiras e Aldea Nova. A requinta da Maía está formada por oito membros, que tocan gaitas, requintas, clarinete, acordeón, bombo e tambor, e contan con máis de dez anos ás súas costas recorrendo distintos eventos culturais e festas en Ames e nos concellos limítrofes.
A concelleira de Cultura, Natividade González, anima á veciñanza “a participar no tradicional concerto de Nadal dos grupos de música e baile tradicional do concello de Ames. A través deste evento trátase de xuntar ao tecido asociativo e cultural amesán para desfrutar da música pero tamén para que serva de punto de encontro para as distintas asociacións culturais do concello. A entrada para asistir é de balde. Tan só hai que retirar o correspondente convite na Billeteira electrónica do Concello de Ames”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Folclore galego en Bertamiráns cos mellores grupos da Maía"