- Tematica
Este venres, 28 de abril, ás 20:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a mostra de danza “Bailando a vida”. Trátase dun espectáculo dirixido pola creativa e responsable do Centro Gaira, Martha Franco, no que se mostrará o aprendido polas mulleres participantes no obradoiro “Bailando a vida”, que se vén desenvolvendo no Milladoiro e en Bertamiráns dende o mes de febreiro. Na mostra participarán as integrantes do taller de ambas localidades, así como diversos membros da asociación Arcea-Adames. A entrada é de balde ata completar aforo.
“Bailando a vida” xurdiu coa intención de crear un laboratorio de corpo, movemento e creación, no que se respectasen os ritmos de cada participante. Nun contexto de demanda crecente de espazos de benestar, fanse cada vez máis latentes e necesarias iniciativas que busquen entender e coñecer as alternativas de expresión, conexión co corpo, movemento e autocoidados. Co foco posto nas mulleres, o departamento de Promoción da Saúde puxo en marcha este novo programa, de maneira que as mulleres puidesen contar cun espazo seguro no que se coidase a súa saúde física e mental.
No programa, que remata este 28 de abril, están a participar mulleres dos dous núcleos urbanos de Ames. No Milladoiro, o programa ten lugar os mércores, de 11:30 a 13:00 horas; mentres que en Bertamiráns se desenvolve os venres, entre as 17:00 e as 18:30 horas. A mostra servirá a modo de peche da iniciativa, e nela participarán diversas compoñentes de ambos grupos e tamén integrantes da asociación Arcea-Adames.
As participantes da mostra ensinarán distintas técnicas: contemporánea, contact, danza teatro e danzas étnicas. Así mesmo, darán a coñecer como, para facilitar a conexión corporal e emocional que nutre o movemento e a creación colectiva, se apoiaron no Método Corpo e no sistema Río Aberto, así como no movemento vital expresivo e a terapia Gestalt, todo baixo a dirección de Franco.
A cita, que é libre e de balde para todas as persoas que queiran acceder, servirá para dar a coñecer diversos colectivos, de maneira que se involucren e sensibilicen asociacións, institucións e cidadáns en xeral cun mesmo fin: coñecer e compartir a diversidade social. Búscase, ademais, consolidar a danza como unha vía de benestar, como recurso para o equilibrio psicoemotivo, como ferramenta educativa e como elemento de integración.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames acolle a mostra de danza terapéutica 'Bailando a vida'"