- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, organiza este sábado 4 de xaneiro o Concerto de Reis, unha actividade enmarcada dentro da programación do Nadal en Ames. O recital terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.00 horas. Os convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. A entrada será de balde ata completar aforo.
A programación do Nadal en Ames continúa este sábado coa celebración do Concerto de Reis, un recital xa tradicional nestas xornadas festivas na que actuarán as distintas agrupacións corais de Ames.
O evento comezará coa actuación do Coral Lojo Batalla, que interpretará “Con un sombreiro de palla”, “Panxoliña de Neda” e “Yo quiero ser marinero”. A agrupación conta con 20 integrantes e na actualidade é un dos coros máis recoñecibles de Ames. O seu repertorio é moi amplo, incluíndo cancioneiros populares, temas tradicionais ou música relixiosa tanto en galego coma en castelán.
Por outra banda, o recital tamén contará coa presenza Coral de Piñeiro e Ames, que interpretarán os temas “Nun pendello”, “Con un sombreiro de palla”, “Alterta pastores alerta” e “E todo o que quero es ti”. Deste xeito, a agrupación integrará durante a súa actuación temas da música tradicional galega e portuguesa, ademais dunha canción propia. De seguido, actuará o Coro de Nuestra Señora del Corpiño de Oca interpretando “Na noite máis fermosa”, “Pombiña mensaxeira” e “Romería de Oca”.
Neste concerto de Reis tamén actuará o Coro Son Elas, que interpretará os temas “I Will Follow Him”, “Siyahamba”, “Seserie”, “Hallelujah” e “Amovolovolo”. O grupo, formado integramente por mulleres, interpreta diferentes estilos, adaptando o tradicional co contemporáneo. Ademais de participar en diversos programas de televisión e colaborar para diversas entidades, Concellos e asociacións, a agrupación tamén desenvolve concertos didáctico-musicais nos centros de ensino para poder achegarlle á mocidade a música.
O recital rematará coa actuación da Coral Polifónica de Bugallido interpretando “Canto de berce” (de Roxelio Groba), “Suite comercial navideña (de José Bernardo Álvarez) e “Amazing Grace” (de John Newton). Fundada no ano 1971, na actualidade a agrupación está integrada dentro da Asociación Cultural “Antonio Santomil” e conta cun amplo repertorio que abrangue dende cancións populares galegas ata música sacra ou habaneras.