- Tematica
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 17 de decembro, ás 19.00 horas, a Gala Lingua e Empresa onde se darán a coñecer as dúas empresas gañadoras nesta quinta edición do certame. Os dous premios están dotados de 1.500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
A regueifeira Lupe Blanco e mailo regueifeiro Josinho da Teixeira serán os encargados de conducir e amenizar con diversas regueifas a Gala Lingua e Empresa, que se vai a celebrar este vindeiro sábado, 17 de decembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Será un evento aberto a toda a veciñanza que queira participar. As persoas que queiran asistir teñen que solicitar os convites, que son gratuítos, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ata o venres 16 ás 14.00 horas.
No acto estarán presentes as 26 empresas que se presentaron ao certame este ano, pero tamén están convidadas as empresas que participaron nas catro edicións anteriores e mais os membros do xurado. Tal e como explica a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, “este ano decidimos organizar unha Gala para facer a entrega de premios co obxectivo de darlle maior visibilidade á convocatoria e ás vantaxes que a lingua lle pode achegar ao tecido empresarial. Xa levamos cinco edicións dos Premios Lingua e Empresa polo que consideramos que é un certame consolidado e con vocación de continuidade”.
Escarlata Pampín engade que “entendemos esta gala non só como un acto de entrega de premios e de recoñecemento a empresas gañadoras noutras edicións, senón como unha actividade para poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega. Preténdese, ademais, que sirva como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente a lingua galega na súa comunicación”.
No transcurso da gala desvelarase cales son as empresas que o xurado recoñeceu nesta edición e entregaranse os correspondentes premios. Ademais, quérese agradecer e recoñecer publicamente o labor das empresas premiadas noutras edicións nas que non foi posible un acto público. Ao remate do acto serviranse uns petiscos para favorecer o encontro entre todas as empresas asistentes.
Promover o uso do galego na actividade económica
Os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas catro edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela.
Este ano presentáronse ao certame un total de 26 empresas, unha cifra que triplica a participación da edición anterior. A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas concorreron negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participaron empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Adrián Cunha Veira, de Pixelin Photo, como representante das empresas gañadoras na pasada edición; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; e Rocío Loureiro, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista en Normalización Lingüística. A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, actúa como secretaria en representación do Concello de Ames.
Este xurado foi o encargado de valorar a utilización do galego na comunicación diaria das empresas, tanto oralmente como por escrito. Así mesmo, tivo en conta o impacto que a actividade dos negocios pode ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Os Premios Lingua e Empresa entréganse este sábado no Milladoiro"
El Correo Gallego: "Optan ós premios Lingua e Empresa vinte e seis firmas"