- Tematica
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementou en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 9 de novembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
Manolo Maseda e Xurxo Souto serán os encargados de conducir e amenizar con diversas regueifas a Gala Lingua e Empresa, que se vai a celebrar este xoves, 9 de novembro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Será un evento aberto a toda a veciñanza que queira participar. No acto estarán presentes as 33 empresas que se presentaron ao certame este ano, pero tamén están convidadas as empresas que participaron nas cinco edicións anteriores e mais os membros do xurado. No transcurso da gala desvelarase cales son as empresas que o xurado recoñeceu nesta edición e entregaranse os correspondentes premios.
O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, indica que “esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega e servir como recoñecemento e como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente a lingua na súa comunicación. Ademais, no seu transcurso desvelarase cales son as empresas que o xurado recoñeceu nesta edición e entregaranse os correspondentes premios”.
Incremento da participación
Este ano presentáronse ao certame un total de 33 empresas, unha cifra que incrementa en 7 entidades a participación da edición anterior. A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas concorreron negocios que fan un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos e, na segunda, participaron empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período.
Nesta edición, na categoría A (uso consolidado da lingua) participan 20 entidades, e á categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 13 empresas. Hai empresas de todo tipo: tendas, salóns de beleza, ópticas, academias, asesorías, produtoras audiovisuais, empresas de avogados, etc. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Xisela Delgado Caseiro, de SOMA, Centro de Terapia Integral, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2022; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; Olalla Alvite del Río, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Fátima Souto Muñiz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.
Este xurado foi o encargado de valorar a utilización do galego na comunicación diaria da empresa, tanto oralmente como por escrito. Así mesmo, tivo en conta o impacto que a actividade dos negocios ten en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Os Premios Lingua e Empresa 2023 entréganse o xoves 9 de novembro"