- Tematica
O Concello de Ames colabora coa asociación ANEDIA na presentación dun novo volume da colección “Os Bolechas, Amigas e amigos con diabetes”. A presentación será este martes, 3 de outubro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A través deste libro preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Trátase dunha ferramenta coa que visibilizar e sensibilizar.
O Concello de Ames volve a colaborar unha vez máis coa asociación ANEDIA. Desta volta para acoller a presentación dun novo volume da colección “Os Bolechas, Amigas e amigos con diabetes”. A presentación será este martes, 3 de outubro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Un novo libro que fala de campamentos, de actividades cos amigos e tamén da tecnoloxía que está presente nas súas vidas. Trátase dunha ferramenta coa que visibilizar e sensibilizar.
Este libro é posible grazas a unha subvención concedida pola Deputación da Coruña. Ademais, este novo volume ten un valor engadido, xa que grazas á colaboración de Dexcom, esta publicación está dispoñible en dous idiomas, galego e castelán.
Non é a primeira vez que o Concello de Ames e maila asociación ANEDIA colaboran xa que no ano 2021 as Bibliotecas municipais de Ames recibiron dous lotes de libros de Os Bolechas, un deles titulado “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e o outro, “Manuela é nova na escola, Medrando coa diabetes”. Con esta doazón feita pola asociación ANEDIA, preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Os exemplares pódense consultar nas Bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.
Asociación ANEDIA
A Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia naceu co obxectivo de traballar pola integración real e total de todos os rapaces e rapazas que sofren esta enfermidade.
Na escola, un espazo onde os máis pequenos pasan moitas horas, é preciso que todos os alumnos e alumnas coñezan esta doenza para facilitar o día a día de quen a padece. Para facilitar esta formación, ANEDIA contaba con tres libros infantís dos Bolechas, de Pepe Carreiro, como ferramentas para visibilizar e concienciar sobre a diabetes aos que temos que engadirlles este novo título.
Dende o 2019 onde veu a luz o primeiro libro dos Bolechas o alumnado con diabetes nas aulas galegas aumentou máis dun 32% nestes 4 anos. Un aumento cada vez máis significativo, e que fai que en concellos como o de Ames cunha gran poboación infantil, existan rapaces con diabetes en todas as etapas educativas, dende infantil ata bacharelato.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Os Bolechas axudarán a sensibilizar a mocidade amesá sobre a diabetes"