- Tematica
A Casa do Cruceiro, situada no lugar de Raíces, pertencente á parroquia de Biduído, acolleu esta mañá a presentación da décimo oitava edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’. A dita presentación foi convidado o alcalde de Ames, Blas García, que asistiu xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, á delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén Docampo, ao presidente de FEGATUR, Francisco Xabier Almuíña, e ao vicepresidente do Clúster do Turismo de Galicia, Jesús Picallo. O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ desenvolverase dende o 13 de setembro ata o 15 de decembro de 2024. A Casa do Cruceiro é un dos 77 establecementos participantes este ano. Ofrécense desde menús especiais, ata paquetes con estadías e nalgunhas das casas e tamén haberá actividades como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo.
O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’, a proposta da Xunta de Galicia para impulsar o turismo rural fóra de temporada, comeza este venres, 13 de setembro, coa participación de 77 casas rurais nas catro provincias que ofrecerán paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo, entre outras. A Casa do Cruceiro, situada en Ames, é un dos 77 establecementos participantes este ano. Precisamente, esta casa de turismo rural acolleu hoxe a presentación deste programa.
A dita presentación foi convidado o alcalde de Ames, Blas García, que asistiu xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, á delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén Docampo, ao presidente de FEGATUR, Francisco Xabier Almuíña, e ao vicepresidente do Clúster do Turismo de Galicia, Jesús Picallo. Tamén participaron o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio, Javier Antelo, a voceira do grupo municipal do Partido Popular, Oliva Agra, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.
Abriu o acto o alcalde de Ames, Blas García, que dixo “Ames non é un concello turístico ao uso, pero temos espazos e infraestruturas tan fermosas como a que visitamos hoxe, ademais de ser o único municipio de Galicia atravesado por tres rutas do Camiño de Santiago: o de Fisterra, o portugués e o camiño Muros Noia, que cada vez está a recibir máis recoñecemento”.
Blas García engadiu “desde a Corporación levamos tempo traballando na potenciación do turismo, aproveitando o fluxo de milleiros de peregrinos que se dirixen a Santiago para amosarlles a riqueza e diversidade do patrimonio amesán, especialmente nos núcleos rurais. Gustaríanos que a Xunta e Turismo de Galicia se sumasen ao traballo que levamos tempo facendo en colaboración con concellos como os de Negreira e Brión na potenciación e promoción do rico patrimonio que se agocha nas localidades da contorna do río Tambre”.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, explicou que este produto impulsado por Turismo de Galicia “conseguiu consolidarse como demostran os case 6 millóns de euros que se inxectaron no sector turístico nestes dezasete anos nos que participaron máis de 92.000 persoas. Nesta edición, o Outono Gastronómico en Turismo Rural desenvolverase desde este 13 de setembro ao 15 de decembro, coa intención de desestacionalizar e impulsar o sector do turismo rural que, ata xullo, se aloxaron máis de 100.000 persoas, o que supón un incremento dun 3% con respecto ao ano pasado”.
Actividades sostibles
En relación a esta edición de 2024 do Outono Gastronómico, Xosé Merelles, referiuse ás novidades deste ano no que participan 77 establecementos de turismo rural, 31 dos cales ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Por provincias, A Coruña conta con 24 establecementos participantes; Lugo, con 23, e Ourense e Pontevedra con 15 establecementos cada un.
Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú Outono gastronómico cun custe de 37,50 euros por persoa; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por 105 euros por persoa en cuarto individual e 165 euros por dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165 euros por persoa nun cuarto individual, e 260 euros por dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310 euros por dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360 euros por dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.
Embaixadores do Outono Gastronómico
O director de Turismo de Galicia incidiu tamén na campaña de promoción que se vai facer nesta edición, na que se contará con ‘macro’ influencers, ‘micro’ influencers profesionais e non profesionais. Desde Turismo de Galicia realizarase unha convocatoria aberta de xente que queira promocionar Galicia, o seu turismo rural e en concreto a campaña do Outono Gastronómico 2024, “apelando ao seu orgullo por ser galego e o seu cariño por amosar Galicia”, que se converterán en Embaixadores e poderán gozar desta experiencia de turismo rural. Ademais, tamén se inclúen concursos nas redes de Turismo de Galicia dirixidos aos seguidores, nos que os premios serán fins de semana Outono Gastronómico.
Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.