- Tematica
En apenas medio ano de funcionamento, o servizo municipal WhatsAmes recibiu mensaxes de case un milleiro de persoas, que deixaron as súas dúbidas, queixas e suxestións a través da aplicación móbil WhatsApp, no número 606 71 41 63. Dende a súa posta en marcha no pasado mes de agosto, o WhatsAmes serve como liña directa de comunicación entre a veciñanza e o Concello de Ames, dando unha atención personalizada e intentando responder nun período de 24 horas dende que se reciben as consultas.
A través do WhatsAmes, o Concello é quen de coñecer pequenas incidencias ou problemas aos que é difícil chegar, polo que a contribución dos veciños e veciñas é chave para que o servizo funcione. Un dos momentos de maior afluencia de mensaxes durante estes cinco meses foi durante os problemas de subministro de auga no Milladoiro en setembro, no que a veciñanza puido recibir instrucións e consultar dúbidas sobre o consumo de auga e o seu estado.
Os temas máis predominantes nas comunicacións cos veciños e veciñas de Ames están relacionados con obras e servizos, o estado e a limpeza das beirarrúas, ou suxestións sobre melloras en camiños e estradas. Outras das consultas máis recorrentes son sobre actividades e programas do Concello, medio ambiente, benestar animal, deportes ou urbanismo.
O WhatsAmes resolve dúbidas e recibe queixas e suxestións da veciñanza, á que se trata de responder nun período de 24 horas dende a recepción das mensaxes. A través de WhatsApp, facilítase información directamente, ponse en contacto ao veciño ou veciña co departamento municipal axeitado, ou ben remíteselles a outras administracións, no caso de que o Concello de Ames non conte coas competencias requiridas, como na solicitude de axudas a nivel autonómico ou estatal.
Dende o Concello lémbrase que o WhatsAmes non pode atender incidencias, queixas ou mensaxes que requiran o emprego datos persoais, debido ás normas de protección de datos vixentes. Así mesmo, hai outros casos nos cales cómpre acudir directamente aos rexistros municipais, co fin de presentar documentación para algunha solicitude que teña que realizarse por esta canle oficial.
O alcalde de Ames, Blas García, gabou a utilidade do WhatsAmes para escoitar e dirixirse directamente ás persoas que así o precisen. “Esta nova canle de comunicación é realmente importante para coñecer de primeira man os problemas e as necesidades máis próximas á veciñanza, así como para poder manter un contacto máis directo con eles, xa que podemos preguntar ou aclarar dúbidas aos propios interesados”. Ademais, García sinalou que a aposta por esta liña de comunicación continuará. “Nos vindeiros meses tentaremos reforzar e mellorar esta canle, para xerar unha comunicación bidireccional máis fluída e tamén para poder trasladar información sobre o propio concello”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El sistema de alertas amiense recibió mil mensajes en seis meses"
El Correo Gallego: "Cinco veciños queixáronse polo WhatsAmes cada día"