Solapas principales

Catro concellos e vintecatro entidades participan na I Feira do Voluntariado de Ames

Jueves, 20 de mayo de 2021

Faladoiros, obradoiros, exposicións e actuacións musicais. 24 entidades que realizan accións de voluntariado en diversos ámbitos participan na I Feira do Voluntariado de Ames que se celebrará os días 28 e 29 de maio no Pazo da Peregrina. O evento está organizado pola concellaría de Benestar a través da OVA de Ames e nel participan tamén as oficinas de voluntariado dos Concellos de Brión, Negreira e Vedra. Durante toda a feira poderá visitarse a exposición “Ames Coopera” e  recolleranse bicicletas usadas para enviar a África. As entidades participantes amosarán os seus proxectos e calquera que o desexe poderá obter información para facerse voluntario/a e colaborar en calquera dos programas que se dan a coñecer no evento. Para participar das actividades e os concertos o único requisito que se esixe é doar un quilo dalgún alimento non perecedoiro. Haberá servizo de autobús de balde desde o Milladoiro e desde as parroquias. Para poder utilizalo é necesario reservar praza nos teléfonos 662 377 302  e 683 327 375. Podes consultar aquí o programa de actividades. Tamén podes coñecer o horario, as persoas e os temas dos faladorios.

Medio ambiente, saúde, cooperación internacional, proxectos de desenvolvemento... A I Feira do Voluntariado de Ames inaugurarase na tarde do venres, 28 de maio, ás 17:00  horas, co acto de recepción e benvida ás entidades participantes e unha mesa redonda na que Ames, Brión, Negreira e Vedra, os catro concellos que participan no evento, debaterán sobre o lema que rexe a feira: “O voluntariado municipal, participar para transformar”.

Na solaina e nos xardíns do pazo colocaranse 20 carpas onde as distintas entidades participantes amosarán os seus proxectos, ofrecerán información do que significa e que trámites hai que seguir para facerse voluntario/a e realizarán faladoiros e actividades para todas as idades.  Porque, como xa acontecera coa Feira da Saúde organizada polo mesmo departamento, a Feira do Voluntariado de Ames ofrecerá un continúo de charlas durante toda a xornada do sábado. Cómpre salientar os concertos cos que rematarán as dúas xornadas. O venres estará na Feira a cantautora arzuá M.J Pérez e o sábado os amesáns Arévalo e Giannetto Rock Soul.

Para a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, a importancia do voluntariado fíxose máis visible este ano de crise: “A crise sanitaria, social e económica provocada pola COVID-19  puxo de manifesto mais que nunca a necesidade e a importancia do voluntariado, dese traballo, ese tempo, ese coñecemento e esa formación que homes e mulleres poñen a dispor dos mais vulnerables para conseguir unha sociedade mais xusta”. Feijóo insiste en que “non é necesario facer grandes cousas, nin irse lonxe para elo, o importante é facer , participar”. A concelleira convida a toda a veciñanza a achegarse “para coñecer as asociacións e ONGS participantes e o seu labor e para participar das diferentes actividades, obradoiros e faladoiros que terán lugar nesta Feira”.

Poa súa banda, o responsable da Oficina do Voluntariado, Rubén Ramos, gaba tamén o traballo, “moitas veces silencioso” do voluntariado: “Estamos encantados de poder levar acabo a I Feira de Voluntariado; moitas veces non se ve reflectido pero que si que existe ese traballo subterráneo das entidades voluntarias. Gustaríanos contar coa veciñanza amesá que sabemos que sempre responde ás chamadas que facemos dende a Oficina de Voluntariado”.

Leo Pena, técnico do Servizo de Atención ao Migrante, ve na Feira unha oportunidade  para que se coñeza todo o que en materia de voluntariado se leva facendo no concello de Ames desde hai tempo: “Estamos encantados de colaborar con Rubén, técnico responsable da OVA,  nesta Feira do Voluntariado que, a pesar de ser a primeira, non significa que o voluntariado en Ames sexa algo novo, todo o contrario, leva moitos anos e son moitos os homes e as mulleres que colaboran, con moito esforzo, en que este Concello sexa máis activo, solidario e comprometido coas realidades mais difíciles. Esta feira vai ser unha oportunidade moi boa para coñecer todo o que se leva facendo e para propoñer novos proxectos”.

Autobuses desde Milladoiro e desde o rural
Co obxectivo de que a poboación teña máis doado achegarse ao Pazo da Peregrina onde se desenvolverá o evento, ofrécese un servizo de autobuses de balde desde o Milladoiro. Sairán da Casa da Cultura tanto o venres como o sábado, ás 16:30  e  regresarán ás 21:00 horas. O sábado pola mañá sairán ás 10:00 horas e regresarán ás 13:30. Os autobuses pasarán tamén polas paradas habituais do rural. Para poder acollerse a este servizo, é necesario reservar praza nos teléfonos 662 377 302  e 683 327 375.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames reunirá a 24 colectivos y 4 concellos en su Feira do Voluntariado"

El Correo Gallego: "Cuatro concellos y veinticuatro entidades en la primera y más solidaria Feira do Voluntariado"

Lindeiros: "Ames porá en valor cunha feira a labor do voluntariado"

Presentación da I Feira do Voluntariado

Multimedia

  • Programa de actividades
  • Faladoiros
  • Entidades colaboradoras
  • Luisa Feijóo
  • Cartaz
  • Embedded thumbnail for