Solapas principales

Chega este venres ao auditorio de Bertamiráns a peza teatral “Compaña” de Xampatito Pato

Martes, 18 de febrero de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de cultura, continúa coa programación do Ames Cultural 2025. Este venres, 21 de febreiro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o espectáculo “Compaña” de Xampatito Pato. A ocupación ata o momento para este espectáculo é do 25% das butacas dispoñibles. Pódense adquirir as entradas na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Ames Cultural continúa este venres, 21 de febreiro, coa representación da peza “Compaña” de Xampatito Pato no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, dirixida cara un público infantil e familiar, ten unha duración aproximada de 50 minutos e narra historia dun personaxe solitario que busca compañía entre os seus bonecos e marionetas e, neste camiño, interactúa co público. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O espectáculo fusiona o circo cos bonecos, creando así escenas que transportan ao espectador a un mundo surrealista no que o humor e a fantasía xogan un papel fundamental. Ao longo da obra, o personaxe explora a súa imaxinación para ir dándolle vida a cada un dos seus pensamentos. A través deste proceso no que a fantasía é a protagonista, leva ao público por un camiño cheo de sorpresas cunha gran dose de humor.

Sobre Xampatito Pato
Tras o nome de Xampatito Pato atopamos ao artista multidisciplinar Jesús Velasco. No 2015 finalizou a súa etapa na escola Circo Carampa, en Madrid, onde puido formarse en diferentes ámbitos como o teatro, a danza, as acrobacias e o malabarismo, sendo unha das disciplinas onde se especializou.

Ademais deste proxecto individual, o artista colaborou ao longo destes anos con outras compañías teatrais o que lle levou a actuar en diferentes cidades de España e tamén doutros países de todo o mundo, coma en Rusia no Gran Circo Estatal de Moscú, en Suiza, Francia ou China.

Venda de entradas
As persoas interesadas en asistir a esta representación teatral xa poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames os seus convites. Ata o momento, a ocupación para esta representación é aproximadamente do 25% das butacas dispoñibles. O prezo das entradas é de 5 euros para o público xeral, mentres que o prezo reducido é de 2,50 euros. No caso de quedar entradas dispoñibles tamén se poden adquirir na Casa da Cultura do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo.

O prezo reducido aplícase a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Chega este venres ao auditorio de Bertamiráns a peza teatral “Compaña” de Xampatito Pato