Solapas principales

Chega “Reconversión” de Ibuprofeno Teatro este venres ao auditorio de Bertamiráns

Jueves, 13 de marzo de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas neste 2025. Desta vez, o auditorio de Bertamiráns acollerá mañá a representación da peza “Reconversión”, de Ibuprofeno Teatro, que narra as mobilizacións do sector naval na Ría de Vigo. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A programación do Ames Cultural 2025 continúa ao longo de todo este mes de marzo no que se conmemora o vindeiro día 27 o Día Mundial do Teatro. O auditorio de Bertamiráns acollerá mañá, ás 20.30 horas, a representación da obra “Reconversión”, de Ibuprofeno Teatro, unha peza narra as mobilizacións e cambios do sector naval da Ría de Vigo. O espectáculo, dirixido para público adulto, conta cun gran e ambicioso formato en escena, formado por oito actores-músicos que interpretan a banda sonora en directo.

Sinopse de “Reconversión”
A obra está baseada nas propias vivencias reais do autor, mesturando o íntimo e o político ao longo de toda a narración xunto co realismo intrínseco á propia historia.

Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión que sufriu o sector naval na Ría de Vigo no século pasado. A peza céntrase na vivenza do pai do autor, traballador no estaleiro Ascón durante 30 anos. Na mesma liña, a obra sintetiza as vivencias de toda unha xeración que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.

“Reconversión” é unha viaxe desde a posguerra ata o “Felipismo” dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.

Sobre Ibuprofeno Teatro
Ibuprofeno Teatro é unha compañía fundada no 2010 por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso e que, dende o primeiro momento, tivo o obxectivo de emprender proxectos teatrais de xeito independente nos que se traten temáticas que afectan ao ser humano, empregando habitualmente o humor e o sarcasmo.

Chega “Reconversión” de Ibuprofeno Teatro este venres ao auditorio de Bertamiráns