Solapas principales

Chegan ao Milladoiro os Nanocontos de Raquel Queizás da man do programa Apego

Jueves, 17 de septiembre de 2020

Raquel Queizás, filóloga e actriz, estará o venres, 25 de setembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas, contando historias para familias con crianzas de 0 e 4 anos. A inscrición para esta actividade é de balde e pode realizarse desde hoxe ata o 24 de setembro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

Chimpo de Ra é unha sesión de contos con monicreques e outros obxectos para familias con crianzas de 0 a 4 anos que forma parte dos Nanocontos de Raquel Queizás. Nestas sesións estimúlanse as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade dos bebés e dos nenos e nenas máis cativos a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese.

Para Nano e os seus amigos e amigas cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender, mentres xogan coas cores, cas formas e coa música, porque, cando se é tan pequeno, ata as cousas más sinxelas se converten en todo un reto. Os meniños reinventan o mundo cunha mirada que o ve todo por primeira vez, abraiándose a cada paso, mentres aprenden novos nomes para os obxectos que van descubrindo.

As familias con crianzas de entre 0 e 4 anos poderán acudir a esta actividade do programa Apego do concello de Ames inscribíndose previamente. A inscrición é de balde e realízase enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística contestaranse todos os correos recibidos para confirmar as inscricións. O prazo para anotarse comeza hoxe, 17 de setembro, e remata o vindeiro día 24, pero cómpre inscribirse canto antes, dado que as prazas son limitadas e outórganse por orde de inscrición.

A actividade será na Casa da Cultura do Milladoiro o vindeiro venres, 25 de setembro, ás 18.00 horas e adoptaranse todas as medidas sanitarias de seguridade que establece a normativa vixente.

O programa Apego
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

O SNL concertará unha cita para unha pequena entrevista na que se explicará o programa detalladamente e na que se lles entregará ás familias que se sumen unha caixa de benvida, un agasallo con diverso material e recursos moi útiles e atractivos para a crianza.

Cartel informativo de Chimpo de ra.

Multimedia

  • Cartel informativo de Chimpo de ra.