- Tematica
Os escaparates de varios comercios de Bertamiráns e do Milladoiro converteranse por unhas horas no escenario onde o grupo Chévere amosará varias das súas creacións teatrais. As actuacións desta compañía, que conta entre outros co Premio Nacional de Teatro, terán lugar na tarde do venres 17 de xullo en Milladoiro, e na mañá e na tarde do sábado 18 en Bertamiráns. Cambio de tempada, Bailaríns pendurados, Tres Tenores, Pernas e Telesaúde son os títulos das cinco pezas breves que conformarán o repertorio da proposta. Co obxectivo de favorecer os grupos reducidos e renovar o público constantemente, faranse dous, tres e até catro pases de cada peza. A iniciativa forma parte do programa AmesON, encadrado no Plan Reactiva Ames, co que o Concello pretende dinamizar a cultura e a economía do municipio. Ao abeiro desta iniciativa, os establecementos comerciais de Ames poderán ampliar os seu horario de peche até ás doce da noite, sempre e cando cumpran a normativa de horarios e condicións laborais.
Nove comercios: Patagonia, Careva, Mayzu e Nani’s Kids, no Milladoiro, e La Lola, A tenda de Fraber, Queens, José Sáenz e T3, en Bertamiráns, embárcanse con Chévere nesta aventura de facer teatro dentro dun escaparate. Unha comedia romántica con manequín, “Cambio de Tempada”, unha historia que fala de consultas a distancia “Telesaúde”, un recital lírico “Os tres tenores”, unha peza protagonizada por bailaríns pendurados; “Corcheiro&Percheiro” e unha videoinstalación “Mira aquí” compoñen o repertorio de EscapÁrate!, o título coa que a Compañía Chévere presenta este proxecto que utiliza o teatro como ferramenta para a promoción e dinamización do pequeno comercio e como incentivo do consumo responsable.
As actuacións levaranse a cabo na tarde do venres no Milladoiro e o sábado en Bertamiráns. Para favorecer os grupos reducidos e renovar o público constantemente, faranse 2-3 e ata 4 pases de cada unha das peza. No Milladoiro, o primeiro pase realizarase ás 19:30 e o último ás 21:30. Ademais durante todo o día poderá contemplarse a videoinstalación “Mira aquí” en Nani’s Kids. En Bertamiráns, as sesións de mañá poderán contemplarse entre as 12:30 e as 13:45 e as da tarde entre as 21:00 e as 23:00 horas. Os establecementos comerciais de Ames poderán ampliar os seus horarios de peche até ás doce da noite, sempre e cando cumpran a normativa de horarios e condicións laborais.
A proposta contribúe a recuperar a actividade cultural e teatral no concello, mentres os teatros e centros culturais abren con grandes limitacións de capacidade. Porque esta é unha actividade na que o público está ao aire libre, durante un tempo breve, en grupos reducidos, favorecendo a distancia interpersoal e separado dos artistas.
“No contexto da crise provocada pola Covid-19, faise máis necesario que nunca desenvolver accións de animación e promoción do comercio de proximidade, un dos sectores máis afectados. Con EscapÁrate! Convertemos os escaparates, auténtico sinal de identidade do comercio, en escenarios para o teatro. Trátase de poñer en valor o comercio retallista como espazo de socialización e reivindicar a compra-venda nunha relación de proximidade baseada no diálogo, de gozar do paseo a ceo aberto ou de deixarse sorprender polo aire na cara, polo cheiro a comida recentemente feita e pola teatralidade dos escaparates”, manifesta Xesús Ron, director artístico de Chévere.
A proposta contribúe a recuperar a actividade cultural e teatral no concello, mentres os teatros e centros culturais abren con grandes limitacións de capacidade. Porque esta é unha actividade na que o público está ao aire libre, durante un tempo breve, en grupos reducidos, favorecendo a distancia interpersoal e separado dos artistas.
Esta actuación forma parte do programa AmesON, encadrado no Plan Reactiva Ames, co que o Concello pretende dinamizar os sectores cultural e comercial de Ames. Podes consultar aquí os escaparates e os horarios dos pases.