O festival de cinema infantil de Ames segue avanzando na súa vindeira edición, que se celebra os días 24, 25, 26 e 27 de novembro nos auditorios da Casa da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns e xirará arredor da importancia de coidar a natureza. Deste xeito, a quinta edición do festival levará por lema “Unha aperta ao planeta” e promoverá a conciencia ecolóxica entre os máis pequenos.
O cinema, como vehículo de coñecemento e sensacións, é unha ferramenta para facer que as novas xeracións comprendan algúns dos problemas actuais, neste caso os efectos do cambio climático e a ausencia de conciencia ecolóxica da que adoece a humanidade hoxe en día.
A través da sección oficial de curtametraxes e as actividades paralelas Cinema Crianza promoverá que os nenos e nenas adquiran unha visión global sobre a relación do ser humano coa natureza e a conservación (ou destrución) dos ecosistemas, fomentando a empatía e a implicación da xuventude nunha problemática que nos atinxe a todos e todas.
Ecoloxismo na sección oficial de curtametraxes
Sen perder nunca de vista a vertente lúdica do festival audiovisual, poderanse ver curtametraxes como Efecto Dominó, filme francés producido por WWF sobre os incontrolables e devastadores efectos da deforestación; Chimborazo, animación española que presenta as consecuencias do desxeo e enxalza o valor das profesións tradicionais; a animación coreana Piropiro, sobre o encontro dun paxaro de bosque e outro de cidade, gañadora do premio á mellor curtametraxe infantil en festivais de París, Turquía, Xeorxia ou Taiwán; e Migrants, que conta as peripecias de dous osos polares, forzados a migrar debido ao derretemento do polo norte. Todas elas forman parte da sección oficial do festival onde tamén se atopan moitos traballos máis optimistas, que teñen os animais e o desfrute da natureza como protagonistas.
A sección oficial está formada por 37 curtametraxes internacionais, divididas en seis bloques, 3 da categoría axóuxeres e 3 de buxainas. Os filmes proceden de diferentes países como Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal e Estonia. Tamén hai representación das diferentes comunidades españolas, así como traballos galegos.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para educadores, obradoiros, e sesións musicais.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El festival Cinema Miúdo, en Ames, ofrecerá 37 propuestas con mirada ecologista"
El Correo Gallego: "O coidado da natureza centrará o Cinema Miúdo"