Solapas principales

Cinema Miúdo organiza un obradoiro de creación de escenografías

Miércoles, 08 de noviembre de 2023

Entre o 16 e o 19 de novembro as nenas e nenos de Ames e do resto de Galicia teñen unha cita co mellor do cinema infantil producido no mundo no último ano. Isto é grazas á celebración de Cinema Miúdo, o festival do sétimo arte especialmente dirixido á cativada, no que a proxección de curtametraxes combínase con obradoiros creativos, actividades para escolas, sesións especiais e actuacións de música, circo e maxia. Cómpre destacar que xa está aberta a inscrición gratuíta para o obradoiro Make a Remake, de creación de dioramas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono. Cinema Miúdo está adherido ao Pacto Cultura Sustentable. Premendo nesa ligazón podes descargar o folleto informativo cos horarios e actividades do festival Cinema Miúdo. O abono para asistir ao festival ten un prezo de 3 euros e pode adquirirse na Billeteira electrónica.

​ Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha a sexta edición do Festival internacional de cine infantil Cinema Miúdo. Trátase dun festival xa asentado na programación municipal que vai medrando tal e como demostra o feito de que en 2022 incrementou o público nun 50 % respecto ao ano 2021. Ademais, Cinema Miúdo comeza a ter un nome na península ata o punto de que Cinanima, o festival de animación máis importante de Portugal, ten este ano unha sesión de Cinema Miúdo.

O festival Cinema Miúdo está adherido ao Pacto Cultura Sustentable que difunde, defende e avoga pola redución e control de consumos nos eventos culturais, así como políticas de igualdade e sustentabilidade.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “a importancia que ten a organización de dito festival tal e como demostra que repercusión que ten en Galicia e incluso fóra da comunidade galega. Dende o Goberno municipal apostamos por este festival como elemento primordial na aprendizaxe e educación dos nenos e nenas. Este ano a temática de Cinema Miúdo xira arredor da diversidade nas familias, un tema co se traballará previamente nos centros de ensino. Ademais, este ano como novidade os mozos e mozas que cursan secundaria asistirán ás sesións escolares do festival. Como concello máis xoven que somos de Galicia temos a obriga de apostar por iniciativas como Cinema Miúdo e trataremos de seguir potenciándoa en vindeiras edicións co obxectivo de achegarlle a cultura do audiovisual aos rapaces e rapazas de Ames”.

Obradoiro Make a Remake
​Unha das actividades máis demandadas desde o nacemento do certame son os obradoiros prácticos, que permiten á rapazada vivir a maxia do cinema como creadores. Este ano celébrase o taller Make a Remake, de creación de escenografías dentro dunha caixa de cartón, dando lugar a un diorama.

O obradoiro está recomendado para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. Constará de dúas quendas con 15 prazas cada unha: sábado, 18 de novembro, de 11.00 a 12:30h na Casa da Cultura de Bertamiráns, e domingo, 19 de novembro, de 11.00 a 12:30h na Casa da Cultura do Milladoiro. A actividade é gratuíta, pero require de inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono.

A proposta, ideada por Iria e Ángel de Estudio ia! consiste en crear escenografías en multiplano, tomando como referencia os traballos do cineasta Lotte Reiniger. Para construílas, as persoas participantes partirán dun amplo surtido de referencias e personaxes de filmes coñecidos. A través do xogo, a composición e a recontextualización crearán un novo universo, materializando dioramas dentro dunha caixa de cartón. Un xeito lúdico de achegar ás nenas e nenos á arte da composición e a escenografía a través dunha actividade divertida e creativa.

Selección oficial, o mellor do cinema infantil internacional
​Por outra banda, a selección oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Está formada por curtametraxes internacionais inéditas e complicadas de atopar nas plataformas que espertan nas xeracións máis novas empatía e a vontade de descubrimento cara outras culturas. Nesta sexta edición crece o número de curtametraxes seleccionadas, de 35 en 2022 a máis de 60. Os bloques Axóuxeres e Buxainas serán proxectados o venres pola tarde, sábado todo o día e domingo pola mañá.

Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e de varias partes do mundo. As curtas da selección oficial compiten por alzarse cos premios do xurado e o público e serán as nenas e nenos ás que, cos seus votos ao finalizar cada sesión, decidan os filmes gañadores. Cinema Miúdo repartirá máis de 1.400 euros en premios.

Nesta edición como novidade inclúese unha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia. Ademais, por primeira vez haberá sesións escolares para mozos e mozas que cursan secundaria. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica dende o martes 7 de novembro. Premendo nesta ligazón podes descargar o folleto informativo cos horarios e actividades do festival Cinema Miúdo.

Cinema Miúdo
​Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. O seu obxectivo desde 2017 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Ofrécense catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos galegas e galegos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. Haberá máis de 60 curtas e unha longametraxe, ademais dun obradoiro e actuacións de circo e humor.

A produtora Abella está detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine.

Cartaz do obradoiro Make a Remake

Multimedia

  • Cartaz do festival de cine infantil Cinema Miúdo
  • Cartaz cos horarios do festival de cine infantil Cinema Miúdo
  • Embedded thumbnail for