O sétimo festival internacional de cine infantil Cinema Miúdo, que se vai celebrar nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns entre o 14 e o 17 de novembro, convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía a través do obradoiro A Máquina Fantástica. As nenas e nenos construirán unha cámara fotográfica e revelarás as súas propias fotografías. O taller terá lugar o sábado 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos a partir das 10:30 horas. As prazas son moi limitadas e é preciso formalizar a inscrición a través do correo electrónico actividades@abella.gal, indicando nome, ideade e teléfono de contacto. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 anos en diante e terá unha duración de 2 horas. Preme nesta ligazón para obter máis información sobre Cinema Miúdo 2024.
O taller ofrece aos participantes a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica. Unha estenopeica é unha cámara fotográfica sen lente, que consiste nunha caixa estanca á luz cun pequeno orificio por onde entra a luz, o estenopo, e un anaco de película no que se plasmará a imaxe. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa escura e como fixar esas imaxes en papel fotográfico utilizando técnicas clásicas de revelado. Ao finalizar a actividade, cada participante poderá levar á casa a súa primeira fotografía revelada como recordo tanxible da súa aventura creativa.
O programa do taller inclúe a construción da cámara, a realización das fotografías e unha breve introdución á teoría e historia da cámara, que se levará a cabo mentres se revela o material. Ademais, habilitarase unha cámara estenopeica de gran tamaño onde os participantes poderán comprender mellor o proceso e explorar dentro da propia “cámara”. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 anos en diante e terá unha duración de 2 horas.
A Máquina Fantástica será impartido por Sr. Sagüillo, artista visual con máis de 15 anos de experiencia no sector cultural e audiovisual. Licenciado en Belas Artes e cun máster en produción de animación, traballou como realizador en proxectos audiovisuais como Kalandraka TV e colaborou con marcas recoñecidas en moda e deseño gráfico. A súa versatilidade permitiulle desempeñarse tamén como escenógrafo e muralista, recibindo premios e nomeamentos que avalan a súa traxectoria creativa.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional, quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo.
Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.