Solapas principales

A Clásica de Pascua–Ruta Xacobea da Copa de España de ciclismo pasa por Ames este sábado 7 de maio

Miércoles, 04 de mayo de 2022

A Copa de España de ciclismo elite e sub-23 celebra a súa penúltima proba do ano este sábado 7 de maio, coa posta en marcha dunha nova edición da Clásica de Pascua-Ruta Xacobea de Padrón, organizada polo CC Padronés. Está previsto que o pelotón ciclista pase polo Milladoiro en dirección Santiago entre as 11:40 e as 11:55 horas, e por Bertamiráns, onde haberá un sprint especial, entre as 12:00 e as 12:20 horas. O paso dos ciclistas poderá causar retencións puntuais.

A Clásica de Pascua-Ruta Xacobea de Padrón aumenta a súa dureza nesta edición de 2022, despois de que a proba, parte da Copa de España de ciclismo elite e sub 23, rematase ao sprint o ano pasado. Deste xeito, aumenta a lonxitude do percorrido, que pasa dos 150 aos 165 quilómetros, e súmanse os ascensos encadeados aos altos da Pereira e de Augasantas no último terzo da carreira, buscando provocar cortes e ataques dos ciclistas na que é a penúltima proba da Copa española.

A Clásica arrincará dende Padrón ás 10:00 horas, onde está previsto que remate entre as 14:00 e as 14:45 horas. Sobre a parte intermedia da proba, o pelotón ciclista pasará polos dous núcleos principais de Ames. Entre as 11:40 e as 11:55 horas está previsto que os ciclistas cheguen dende Casalonga ata o Milladoiro, baixando dirección Santiago. Uns minutos despois, tras un breve paso pola capital galega, os participantes entrarán en Bertamiráns entre as 12:00 e as 12:20 horas, onde haberá un sprint especial. A proba cruzará a vila e subirá pola estrada aos Ánxeles para despois continuar ata o final a carreira.

A competición ciclista dun día, organizada polo CC Padronés, é a penúltima das probas que conforman a Copa de España de ciclismo elite e sub 23, que actualmente lidera Andoni López de Abetxuko, do conxunto Caja Rural-Alea. Na edición do 2021 gañou ao sprint o corredor venezolano Ricardo Zurita, daquela integrante do equipo Gsport, seguido de Sergio Trueba e Josué Gómez.

A Clásica de Pascua–Ruta Xacobea da Copa de España de ciclismo pasa por Ames este sábado 7 de maio