- Tematica
O pasado domingo, 7 de maio, clausurouse o curso de monitores de tempo libre organizado polo departamento de Xuventude do Concello de Ames. O curso, homologado pola Xunta de Galicia, contou con 15 participantes, e desenvolveuse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns durante as fins de semana e os días festivos dos meses de marzo, abril e maio, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Á xornada de clausura asistiu a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín. Unha vez rematada a parte teórico-práctica, de 200 horas de duración, os alumnos e alumnas teñen por diante 150 horas de prácticas en empresas, que deberán levar a cabo nos vindeiros dous anos.
O curso de monitores de tempo libre comezou a primeira semana de marzo, coa participación de 15 persoas. A formación, de 350 horas en total, incluíu contidos específicos de medio ambiente e educación ambiental, primeiros auxilios básicos, atención a colectivos desfavorecidos ou persoas con diversidade funcional e coñecementos de manipulación de alimentos. Así mesmo, nel tamén se abordaron outras disciplinas como a animación deportiva, o xogo ou a psicoloxía. Fíxose tamén especial fincapé na igualdade e a prevención de riscos laborais, así como na importancia do uso do galego nas actividades de tempo libre.
As 350 horas de duración divídense en dous bloques: un primeiro teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150. A pasada fin de semana, os rapaces e rapazas que están participando este ano no curso de monitor de tempo libre remataron as 200 horas teórico-prácticas, cunha pequena festa de despedida.
150 horas de prácticas
O segundo bloque do curso está conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por un titor ou titora. Este segundo bloque conta con dúas modalidades de realización: 14 días de participación nunha actividade ao aire libre, que se poderán agrupar en bloques non inferiores a tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. O alumnado dispón dun prazo de dous anos para facer as prácticas, e maioría solicitou realizalas en Ames e na súa contorna.