- Tematica
Orballo, aperta, bolboreta, tartaruga, folerpa, ovo e agarimo son algunhas das verbas galegas que salientan como “preferidas” as mulleres que este ano participaron no Obradoiro de Acollemento Lingüístico “En galego co teu acento”. O obradoiro, organizado pola concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Oficina de Atención ao Migrante, vén de ser clausurado coa presenza das concelleiras de Normalización e Igualdade. Este ano participaron 15 mulleres de 6 nacionalidades.
En cinco semanas que dura o curso, Marbelys, Desireth, Nohely, Carmen, Yanira, Susana, Judith e María Eugenia, que naceron en Venezuela, Kailza, Celia, Josslyn e Tania de Cuba, Jimena de Colombia, Vanesa de Elche, Pilar de Puerto Rico e Raysa de Santo Domingo son capaces de expresarse en galego sen medo a facer o ridículo. O “xe” xa non é un atranco, de tal xeito que Kailza di que a súa verba favorita é “Sanxenxo”, e falar galego na casa converteuse nunha festa: “encántame falar co meu fillo en galego”, comenta Josslyn.
No obradoiro, que este ano impartiu a colaboradora do Servizo de Normalización Lingüística, Antía Rei Martiz, adquiriron léxico e nocións básicas de gramática, aprenderon versos e cancións e familiarizáronse cos nomes dos pobos, das artistas e dos pratos que fan da gastronomía galega unha das máis prezadas do mundo. Adquiriron ademais nocións de xeografía e coñeceron polo miúdo o concello no que viven e todo o que lles ofrece.
“Non teñades vergoña, falade”, díxolles a concelleira de Normalización Lingüística na clausura do obradoiro. Escarlata Pampín expresou logo o desexo de que após participar no curso “esperaba que se sentisen un pouco máis galegas”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, saudounas ese día cun claro “Falo en galego porque sei que agora me entendedes mellor” e despois manifestou a seguridade de que “será un pracer escoitar o noso idioma coa música dos vosos”.
E así foi porque, na clausura do obradoiro, até a máis tímida das mulleres que este ano conformaron ese abano de novas falantes manifestou o que sentía despois das cinco semanas de clase no idioma de Castelao. “Pasámolo moi ben”, “Estamos tristes porque remata”, “Foi doado aprender para comprender”, “Agora sei moitas máis verbas”, “Gústame falar galego”... foron expresando cada unha delas. Todas, sen excepción, gabaron o labor de Antía Rei, a súa profesora durante estas semanas, e aplaudiron a palma batida a interpretación de “Lela” que fixo a cantante venezolana e alumna do obradoiro, Nohely Escobar, como despedida do curso.
Pódese ver o vídeo da clausura do obradoiro premendo nesta ligazón.