- Tematica
A radio municipal de Ames, Ames Radio, comezou a emitir este pasado martes, 15 de outubro, os programas enmarcados no proxecto Radio Cidadá, unha iniciativa que busca convidar á veciñanza a crear os seus propios espazos radiofónicos. Este ano hai quince programas, que formarán parte da grella de Ames Radio ata mediados do próximo mes de xuño. Nove deles xa foron emitidos en edicións pasadas, pero seis son de nova incorporación. Nos diversos espazos abórdanse temas como a música, historia, protocolo, benestar físico e emocional, mundo dixital, saúde, natureza e integración. Ademais, hai programas sobre a prensa rosa, repaso da actualidade e da sociedade, de consultorio, volta ao pasado e sobre mulleres silenciadas ao longo da historia.
Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, pon en marcha o proxecto Radio Cidadá, no que a emisora municipal abre as súas portas aos veciños e veciñas de Ames e da contorna para conducir os seus propios programas. Trátase dunha iniciativa posta en marcha no ano 2017 e que chega a súa oitava edición. Ames Radio é unha das poucas emisoras municipais, por non dicir a única, que ofrece este servizo público para que a veciñanza, que así o desexe, poida presentar os seus propios proxectos de programas de radio.
Este ano mantéñense nove das propostas, que xa se integraran na grella de edicións anteriores: Apuesta por el Rock and Roll, Vaide retro, De museo, Miradas, O protocolo é para todos, Tangos de la esquina sur, Las carabelas del siglo XXI, La hora de la columna e El cuerpo que habitamos. Todas elas son espazos consolidados xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio.
Apuesta por el Rock and Roll é un programa de Chelsea Runaway no que repasa grandes clásicos do rock and roll, pero tamén lle dá cabida a novas bandas do panorama galego, nacional e internacional. Vaide retro, dirixido por Álvaro Sempere, é unha volta ao pasado, principalmente ás décadas dos 80 e 90, no que se aborda como era a vida, as series, as películas ou a música naqueles anos. De museo, de Rosa Martínez, é un programa sobre historia no que se abordan diferentes aspectos relacionados coa cultura e arte galegas.
En Miradas, un programa de Perla Alonso, destácanse realidades ou obxectos aos que non lle prestamos a suficiente atención. O protocolo é para todos é un programa de Margarita Murillo no que non só se dan claves sobre o protocolo, senón que nel abórdanse outras cuestións relacionadas coa actualidade. Tangos de la esquina sur, de Daniel Rilo, pon nas ondas de Ames Radio o tango dende diferentes perspectivas e dende diferentes partes do mundo. Las carabelas del siglo XXI está dirixido por Francisco Javier Salas e fala sobre integración. La hora de la columna é un programa de Miguel Fachado e Alberto Ogando, no que se fala de moda, sociedade e actualidade do mundo do corazón. El cuerpo que habitamos, é un espazo sobre benestar conducido pola comunicadora social Martha Franco, que busca afondar na relación corpo-mente e nas emocións.
Novos programa de radio cidadá
Ademais, nesta nova convocatoria hai seis novidades: Conta con Nós, un programa de Manuel Aguilar, que conta coa colaboración de Esther Souto, María del Carmen Vites e María Covadonga López, da delegación na provincia da Coruña da Asociación Española Contra o Cancro; Souvenir, dirixido por Miguel Arce, no que se fai un repaso da actualidade e da sociedade; Teresa & Cia, programa dirixido por Teresa Abalde, espazo no que a modo de consultorio se achegan consellos e se abordan temas da vida cotiá; Voces invisibles, de Iría Tojo, un espazo no que se dá voz a mulleres silenciadas ao longo da historia; Ames en Dixital, programa no que Isabel Viñas dá as claves para achegar o mundo dixital á veciñanza e ás empresas; e NaturAmes, de Marcos Estévez e Ángeles Montecelo, no que se fala sobre natureza e persoas.
Programas semanais, quincenais e mensuais
Este ano son catro os programas que se emiten en Ames Radio cada semana: Tangos de la esquina sur, os venres ás 21:30 horas (remisión os sábados ás 16.00 horas); Las carabelas del siglo XXI, os sábados ás 10:00 horas (remisión os domingos ás 11.00 horas); La hora de la columna, os martes ás 19.30 horas (remisión os mércores ás 11.30 horas); e Teresa & Cia, os mércores ás 19.00 horas (remisión os xoves ás 11.00 horas).
Outros sete programas poden escoitarse de xeito quincenal: Souvenir, os martes ás 19.00 horas (remisión os domingos ás 11.00 horas); Vaide retro, os mércores ás 19.30 horas (remisión os xoves ás 11.30 horas); Voces invisibles, os mércores ás 19.30 horas (remisión os xoves ás 11.30 horas); O protocolo é para todos, os xoves ás 18.30 horas (remisión os venres ás 11.00 horas); Ames en Dixital os xoves ás 19.00 horas (remisión os venres ás 11.00 horas); De Museo, os xoves ás 19.30 horas (remisión os venres ás 11.30 horas); El cuerpo que habitamos, os xoves ás 19.30 horas (remisión os venres ás 11.30 horas).
O resto de programas teñen unha emisión mensual: Conta con Nós, os luns ás 19.00 horas (remisión os martes ás 11.00 horas); Apuesta por el Rock and Roll, os martes ás 18:30 horas (remisión os mércores ás 10.30 horas); Miradas, os mércores ás 21:30 horas (remisión os xoves ás 10.30 horas); e NaturAmes, os venres ás 19.30 horas (remisión os sábados ás 10.30 horas).