Solapas principales

Comeza o proxecto Enreguéifate 2021

Jueves, 25 de marzo de 2021

A quinta edición de Enreguéifate comeza a súa andaina á procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Este proxecto, do que forma parte o Concello de Ames xunto co de Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Rianxo, ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos  promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. O prazo de participación estará aberto desde o 29 de marzo ata o 28 de maio de 2021 e a inscrición poderá facerse desde a páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases.

Dende fai cinco anos, o certame Enreguéifate comeza a súa andaina á procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.

O Concello de Ames anima á veciñanza a participar neste certame no que haberá dúas categorías, xeral e escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Que é o Enreguéifate?
Enreguéifate é un proxecto, impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifatesúmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Os obradoiros formativos
Ademais do certame, cada ano desenvólvense unha serie de obradoiros formativos sobre a regueifa nos centros de ensino dos concellos organizadores. Nesta ocasión serán 60 obradoiros, impartidos por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e A Rabela desde esta mesma semana ata o mes de maio. Información dos obradoiros aquí.

Podes ver aquí o vídeo promocional deste ano. E que medre a regueifa!

Enreguéifate 2021.

Multimedia

  • Enreguéifate 2021.