Solapas principales

Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”

Sábado, 17 de diciembre de 2022

O CEP de Ventín, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, puxo en marcha a semana pasada o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”. Trátase dunha iniciativa que se está realizando entre o alumnado de terceiro de educación primaria do CEP de Ventín e mailo departamento municipal de Benestar Social. Trátase dunha actividade que axuda a conectar aos nosos pequenos/as coas persoas de maior idade, intercambiando coñecementos, historias, fomentando a empatía e a solidariedade.

“Unha mirada ao pasado: os nosos maiores” é unha iniciativa posta en marcha polo alumnado de terceiro de educación primaria do CEP de Ventín e mailo departamento municipal de Benestar Social. Un total de 66 nenos e nenas,  repartidos en dúas quendas, visitaron a outras tantas persoas maiores nas Casas dos Maiores do Milladoiro e de Bertamiráns. O luns 28 de novembro visitaron a Casa dos Maiores de Bertamiráns e o 7 de decembro estiveron na Casa dos Maiores do Milladoiro.

É un proxecto ideado para todo o curso no que farán aínda dúas visitas máis. Durante a primeira visita o alumnado fixo a presentación do seu proxecto “Quen somos”, despois entregaron e leron a cada persoa maior unha ficha elaborada por eles “Todo sobre min”, onde contaron como se chaman, onde naceron, que é o que máis lle gusta, o que menos... para de seguido pasar á quenda de “Todo sobre eles/as”, na que as as persoas maiores contaron diferentes aspectos das súas propias vidas (anécdotas, costumes, a que xogaban cando eran nenos/as, que se comíano no Nadal, etc).

Ademais de crear un interesante parladoiro, nenos/as e maiores pasaron un momento lúdico e divertido bailando e facendo exercicio. Dun xeito lúdico maiores e pequenos/as cantaron e bailaron ao ritmo da canción “O corpo humano”, nomeando e indicando as distintas partes do corpo e facendo algo de ximnasia. Por último, e para rematar a visita con un pouco máis de calma deron lectura ao conto “Bos días avoa” e cantaron todos xuntos/as a panxoliña “Aló entre as pallas”.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, deulle as grazas “ao alumnado de terceiro de educación primaria do CEP de Ventín polo traballo realizado. Trátase dun proxecto agarimoso que levábamos tempo buscando e que xurdiu da mellor das formas posibles, da man dun dos nosos centros escolares”.

Luísa Feijóo destaca tamén que “é unha actividade moi gratificante da que desfrutamos grandes, pequenos e medianos creando lazos afectivos. Ademais, é unha actividade que axuda a conectar aos nosos pequenos/as coas persoas de maior idade, intercambiando coñecementos, historias, fomentando a empatía e a solidariedade. Ambos teñen moito que ofrecer e que mellor que sexa de xeito conxunto”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Establecen lazos entre alumnos de Ventín y mayores"

Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”

Multimedia

  • Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”
  • Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”
  • Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”
  • Comeza o proxecto interxeracional “Unha mirada ao pasado: os nosos maiores”