[18-01-2011] "Celda 211", "Avatar" e "O Equipo A" son as películas que se proxectarán no segundo ciclo de Cine Xove que organiza a concellaría de Mocidade co fin de ofrecer alternativas de ocio para os máis xoves. As proxeccións comezarán no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o venres, 21 de xaneiro, ás oito da tarde. Está convidada toda a mocidade de Ames.
A concellaría de Mocidade pon en marcha por segundo ano consecutivo o programa Cinexove. A finalidade principal deste ciclo é a de achegarlle o mellor cine á poboación máis nova e ofrecerlle unha alternativa de ocio e entretemento, coa que poidan gozar dunha tarde amena e agradable, coñecendo ademais algunhas das creacións recentes máis importantes tanto do cine internacional como do cine español.
As proxeccións comezarán o venres 21 de xaneiro, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A película elixida para inaugurar o ciclo é o thriler "Celda 211", dirixida por Daniel Monzón e protagonizada polo galego Luís Tosar. A película conta a historia de Juan, funcionario de prisións, que se presenta no seu novo destino un día antes da súa incorporación oficial. Alí sofre un accidente minutos antes de que se desencadee un motín no sector dos presos máis temidos e perigosos. Os seus compañeiros non poden facer outra cousas que velar polas súas propias vidas e abandonan a súa sorte o corpo desmaiado de Juan na celda 211. Ao espertar, Juan comprende a situación e faise pasar por un preso máis diante dos amotinados. Esta película foi galardoada con 8 premios Goya, entre eles o de mellor actor protagonista para Luís Tosar.
A seguinte cita co cine terá lugar o día 11 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro para ver a película "O equipo A", unha adaptación á gran pantalla dunha das series de televisión de maior éxito dos 80. "O Equipo A" conta as fazañas dunha unidade dos antigos soldados das forzas especiais acusados e perseguidos por un delito que non cometeron. Despois de pasar á "clandestinidade", utilizan os seus talentos únicos para intentar limpar os seus nomes e atopar aos verdadeiros culpables.
Por último, "Avatar", que será proxectada o 11 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, foi o primeiro film que triunfou en tecnoloxía 3D. Jake Sully, un ex marine confinado nunha cadeira de rodas, é recrutado para viaxar ao planeta Pandora, onde un consorcio corporativo está extraendo un mineral que será crave para solucionar a crise enerxética da Terra. Debido a que la atmosfera de Pandora é tóxica, creouse o Programa Avatar, no que "condutores" humanos teñen as súas conciencias unidas a un avatar, un corpo biolóxico controlado de xeito remoto que pode sobrevivir nese contorno. Estes avatares foron creados xeneticamente como híbridos combinando ADN humano cos dos nativos de Pandora. Convertido nun avatar, Jake pode volver a camiñar. Se lle asigna a misión de infiltrarse entre os Na’vi, que se converteron nun obstáculo importante para a extracción do prezado mineral.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Celda 211 abre este viernes el segundo ciclo de cine juvenil de Ames"