- Tematica
Os Concellos de Ames e Brión acaban de poñer en marcha a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Os alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Paz, visitaron, esta mañá aos 20 alumnos/as deste novo obradoiro dual de emprego. Nesta edición pasa de 9 a 12 meses a formación que recibirán os alumnos/as traballadores/as sobre o certificado de profesionalidade oficial de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.
O Renova V vai formar durante 12 meses a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do Concello de Ames e cinco alumnos do Concello de Brión. Durante un ano os participantes recibirán formación na especialidade Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Esta é unha das principais novidades deste obradoiro respecto a obradoiros anteriores, xa que se incrementou de 9 a 12 meses a formación que recibe o alumnado.
Novas instalacións de fotovoltaicas e domóticas
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. Neste caso van realizar novas instalacións de fotovoltaicas na estación depuradora de Lens, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Tamén se executará a instalación de sistemas domóticos na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Ames, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, pavillón polideportivo de Bertamiráns, na Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda e na planta EDAR do Milladoiro.
No concello de Brión tamén se instalarán sistemas domóticos na planta fotovoltaica da escola infantil de Brión e no pavillón deportivo de Brión, así como na planta fotovoltaica e no sistema de aerotermia do centro social polivalente de Brión. Tamén se implantarán puntos de recarga eléctrica no pavillón deportivo de Brión e na biblioteca municipal de Brión.
Ademais, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do Concello de Ames, no campo de fútbol de Bertamiráns, pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil municipal de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando de Brión, na depuradora da Ameixenda, depuradora do Milladoiro e no centro social polivalente de Brión.
Visita institucional
Coincidindo co inicio de dito obradoiro de emprego esta mañá achegáronse ata o Centro de formación de Aldea Nova, o alcalde de Ames; Blas García; o alcalde de Brión, Pablo Lago; e maila concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Paz, para coñecer ao alumnado e ao profesorado do Renova V.
Os mandatarios municipais animaron ao alumnado a aproveitar este curso que conta cunha gran demanda laboral. Comezou o alcalde de Brión, Pablo Lago, que deulle a benvida ao alumnado que participa neste obradoiro de emprego e animou “a aproveitar a formación que se vai impartir neste obradoiro que levamos varios anos organizando de xeito conxunto entre os Concellos de Ames e Brión. Este obradoiro especializado en enerxías renovables está tendo unha boa saída laboral, co cal é importante que aproveitedes esta formación que ides recibir nos próximo 12 meses”.
Por outra banda, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “dende os Concellos de Ames e Brión decidimos continuar organizando este obradoiro en enerxías renovables, en colaboración coa Xunta de Galicia, porque é un sector que está en auxe e que cada vez demanda máis profesionais formados. A formación que recibades neste obradoiro é fundamental porque son moitas as empresas interesadas en contratar aos alumnos que participan nos obradoiros antes do seu remate”. Blas García deulles ánimo e tamén lles dixo que farán máis visitas para ir comprobando a evolución deste obradoiro, que este ano incremento a súa duración ata os 12 meses.
Por último, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o traballo feito un ano máis polos técnicos dos Concellos de Ames e Brión para poder poñer en marcha a quinta edición do obradoiro Renova, que permitirá dispor de novas instalación de fotovoltaicas e instalacións domóticas, pero tamén facer traballos de mantemento en instalacións xa existentes”. Tamén destacou que “da pasada edición o 50% do alumnado atopou traballo no sector das enerxías renovables, algo que é moi importante para a nosa Concellaría, pois vemos o froito do traballo que realizamos a diario en materia de emprego”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El taller de empleo en energías renovables de Ames cuenta con 20 alumnos"
El Correo Gallego: "Ames e Brión, xuntos na nova edición do obradoiro sobre enerxías renovables"