Solapas principales

Comeza a sexta edición do Certame de Fotografía Comercial Parque Empresarial de O Milladoiro

Miércoles, 30 de octubre de 2019

O Parque Empresarial do Milladoiro volve a ser protagonista cunha nova edición do seu certame de fotografía comercial. O “Certame de Fotografía Comercial Parque Empresarial de O Milladoiro” ten como obxectivo a realización de imaxes de calidade e de enfoque comercial sobre o parque empresarial. Nel poden participar tanto adultos como menores de idade, e o prazo de presentación das fotografías remata o 22 de novembro. Repartiranse máis de 700 euros entre os gañadores.

As fotografías poden ser das instalacións, incluída a fachada da nave, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa localización. Poden ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, primando o enfoque comercial da fotografía, tentando crear unha estética do Parque Empresarial do Milladoiro ou das actividades económicas que aquí se desenvolvan.

Poden participar neste certame todas as persoas residentes en España, con independencia do seu lugar de orixe e sen límite de idade. As persoas menores de 18 anos incluiranse directamente na categoría xuvenil-infantil a non ser que indiquen expresamente que queren participar na categoría absoluta.

Para participar, permitirase unha fotografía por persoa que debe ser enviada xunto co título e os seus datos persoais ao enderezo electrónico certamefotografico@aenovomilladoiro.com. O prazo estará aberto ata o 22 de novembro.

Máis de 700 euros en premios
O Certame repartirá máis de 700 euros en premios que serán repartidos entre dúas categorías. Por unha banda, na categoría absoluta, farase entrega dun primeiro premio de 300 euros, 200 euros para o segundo clasificado e 100 euros para o terceiro.

No caso dos galardoados na categoría xuvenil-infantil, o primeiro premio constará nun vale por valor de 75 euros, outro vale por valor de 50 euros no segundo premio e de 40 euros para o terceiro. Todos os galardoados de ambas categorías recibirán tamén un trofeo.

Realizarase unha exposición de todas as fotografías participantes no certame. Terá lugar na casa da cultura de O Milladoiro, do 4 de decembro ao 15 de xaneiro. Pola limitación da sala de exposicións, no caso en que número de obras presentadas foran superior a 60 na categoría de adultos e 40 na categoría infantil, o xurado elixirá as que se expoñen.

Xa como broche final, a gala de entrega dos galardóns terá lugar no salón de actos da Casa de Cultura o xoves, 9 de xaneiro de 2020 ás 20:00 horas. Será alí onde se darán a coñecer os gañadores.

Para máis información sobre como participar e as bases do concurso pódese premer nesta ligazón.

Cartel sexta edición do Certame de Fotografía Comercial Parque Empresarial de O Milladoiro