Solapas principales

Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados

Miércoles, 11 de septiembre de 2024

Un total de 4.038 nenos/as e mozos/as do concello de Ames están escolarizados nos centros de ensino do concello de Ames para o curso 2024-2025. Deste xeito, 2.357 alumnos/as están matriculados en escolas e colexios públicos de infantil e primaria, mentres que 1.358 rapaces e rapazas están matriculados en secundaria nos dous institutos amesáns. Ademais, hai que engadir os 323 rapaces e rapazas que cursan estudos de infantil, primaria e secundaria no colexio Alca, o único centro concertado do concello. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio nos que se investiron máis de 80.000 euros. 

Esta maña botou a andar o curso escolar 2024-2025 nos centros escolares de infantil, primaria e secundaria. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios.  Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.714 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria e secundaria.

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Educación, Carmen Porto, e maila concelleira de Benestar Social, Uxía García, estiveron esta mañá no CEIP Agro do Muíño xunto á directora deste centro educativo, María Carmen Liñares, coa cal estiveron conversando e vendo distintas instalacións do colexio. A directora do centro aproveitou para ensinarlles ao alcalde e concelleiras unha parte do novo edifico que está construíndo a Xunta de Galicia para ampliar este CEIP.

A concelleira de Educación, Carmen Porto, explica que “hoxe achegámonos ata o CEIP Agro do Muíño para acompañar aos máis cativos na volta ao cole e para ver de primeira man como están a avanzar as obras de ampliación que se están a levar a cabo neste centro educativo. Está previsto que rematen a finais de mes, pero hoxe comprobamos que os nenos e nenas xa están desexando estrear as novas aulas e o comedor.

Ademais, apuntou en relación á recente licitación do novo centro do Milladoiro, a concelleira afirmou que a súa construción responde ao feito de que Ames é o concello máis novo de Galicia: “O crecemento da poboación de Ames ten que vir acompañado de melloras dos servizos educativos e de conciliación, para cubrir as necesidades das familias amesás e ofrecerlles unha educación pública de calidade”.

Datos de escolarización
Os 2.055 rapaces e rapazas que cursan estudos de segundo ciclo de educación infantil e primaria están repartidos en 7 centros públicos do municipio. O CEP de Ventín é o que maior número de alumnado ten matriculado con 603 rapaces e rapazas. A continuación, séguenlle de preto dous CEIP situados na área de Bertamiráns; como son A Maía con 500 alumnos/as e Agro do Muíño con 494 nenos e nenas matriculados/as. Ademais, o CEIP de Barouta conta con 220 alumnos/as. Na EEI Milladoiro hai 198 nenos e nenas matriculados/as. Nas dúas escolas unitarias que seguen funcionando no concello hai 40 alumnos/as (20 na escola unitaria de Covas e 20 na escola de Ortoño).

Hoxe tamén comezou o curso escolar nos centros de educación secundaria. Nos institutos de Ames hai matriculados 1.358 mozos e mozas: 835 no IES de Ames, situado en Bertamiráns, 523 no IES Milladoiro. A estes datos hai que engadir 323 alumnos/as matriculados no colexio Alca, o único centro concertado de Ames no que se cursan estudos de infantil, primaria e secundaria.

Por último, nas escolas infantís de 0 a 3 anos hai escolarizados/as 302 alumnos/as. Na escola infantil A Madalena, no Milladoiro, hai 85 cativos, e 81 na escola infantil O Bosque, en Bertamiráns. Pola súa banda, nos centros da Galiña Azul do concello, en Bertamiráns matriculáronse 54 nenos e nenas, mentres que no Milladoiro hai 82 alumnos/as.

Servizos complementarios municipais
Este ano os servizos complementarios do Concello de Ames estarán moi solicitados pois entre os servizos de comedor escolar, Bos días e Tardes divertidas supéranse os 2.000 usuarios/as.

En canto ao servizo de comedor contará con 1.417 usuarios/as, Bos días aumentou en 27 usuarios sumando un total de 450 nenos/as fronte aos 423 do ano pasado. As Tardes divertidas mantéñense por enriba dos 200 usuarios/as, actualmente en 202 igual que no pasado curso escolar.

Investimento nos centros de ensino
Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio nos que se investiron máis de 80.000 euros.

Na EEI Milladoiro investíronse 23.837,48 euros en traballos de pintado e 501,88 euros en fontanería. Na escola unitaria A Igrexa, na Tarroeira, cambiouse o tellado da zona da galería por 4.561 euros e executáronse traballos de albanelería por 1.700,96 euros. Na escola unitaria de Covas renovouse o chan da escola e colocouse un novo pavimento, que tivo un custo de 5.610 euros. Tamén se adquiriu un novo deshumidicador por 1.041,81 euros.

No CEIP da Maía executáronse traballos de cambio de billas, de pintado, revisión de cadeiras rotas, revisión de goteiras no teito do comedor, arranxo de azulexos no baño do ximnasio, revisión de canalóns e rexistros de pluviais, etc. No CEIP de Barouta realizáronse traballos de pintado por valor de 18.441,61. Tamén se cambiou unha pizarra dixital na aula de proxectos, retiráronse estantes, fixéronse arranxos de rodapé despegado, reparáronse todos os portais exteriores, substitución da porta do almacén e reparación integra dos portais do centro. Estes traballos tiveron un custe de 5.590,20 euros.

No CEIP Agro do Muíño pintáronse aulas de infantil e primaria, realizáronse arranxos en baños, arranxáronse/cambiáronse manillas das ventas dalgunha aulas da planta superior, arranxáronse luces leds nos baños, a baixante do canalón da entrada do centro e maila pechadura do portal de ferro da entrada do centro. No CEP de Ventín pintouse a zona de aparcamento. Ademais, a Consellería de Educación da Xunta arranxou os problemas de humidade no zona de conserxería, fixo o revestimento dunha parede do edificio do comedor, pintouse o peche exterior do centro e puxeron calefacción no patio cuberto.

Na escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns, realizouse o subministro e plantación de gramón, mentres na escola infantil A Madalena, no Milladoiro, executáronse traballos de reparación en billas, azulexos, caixóns, xogos de madeira infantís, ventas, persianas, etc. Tamén se demoleu o almacén de bombonas e pintouse a parede da zona de patio onde se retirou o almacén das bombonas. Nas escolas da Galiña Azul do Milladoiro e Bertamiráns tamén se fixeron diversos traballos de acondicionamento e mantemento por valor de 51.293 euros, que se sufragarán con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (Galiña Azul).

Visita ao CEIP Agro do Muíño

Multimedia

  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados
  • Comeza un novo curso nos centros de ensino de Ames con 4.038 nenos/as e mozos/as escolarizados