- Tematica
O vindeiro martes, 12 de novembro, comeza unha nova edición do ciclo Cine de Outono, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. Ao longo do mes de novembro proxectáranse os filmes As Neves, +Cuñados e Os Espazos en Branco. Todas elas serán proxectadas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os martes 12, 19 e 26 de novembro ás 20.00 horas. Ao final das proxeccións haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.
A Concellaría de Cultura volve a programar un novo ciclo de cine, desta volta durante o outono. Este novo programa cultural súmase a outros programados anteriormente como Abril de cine. Neste caso proxectaranse tres longametraxes os martes 12, 19 e 26 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “que se vai seguir apostando por este tipo de programación porque se ten demostrado que os ciclos Cine de Outono e Abril de Cone funcionan ben entre a veciñanza. Neste caso vanse proxectar tres filmes galegos dirixidos por cineastas galegos/as, polo que dende o Concello seguimos apostando por achegar diversas pezas audiovisuais do cine galego á veciñanza amesá”.
As Neves
Este novo ciclo de cine comezará o martes 12 de novembro, coa película As Neves, dirixida por Sonia Méndez, e proxectada na última edicións dos festivais de Málaga e San Sebastián. A historia comeza nun remoto pobo de montaña onde todo o mundo se coñece. Na noite de entroido os adolescentes da vila celebran unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez; ao día seguinte espertan coa nova de que Paula, unha das mozas que estaba na festa, desapareceu. Mentres, un temporal de neve chega ao pobo e vainos deixando incomunicados e sen internet. A investigación da desaparición de Paula causará un cambio profundo na súa relación co mundo.
Coloquio con David Rodríguez Fernández
Ao final da proxección de As Neves haberá un coloquio co actor David Rodríguez Fernández, que protagoniza xunto a Andrea Varela este filme. Ademais, é un dos protagonistas da película de Dani de La Torre, Live Is Life, e participa na serie de Televisión de Galicia, Lume, unha coprodución galego-portuguesa, que está previsto que se emita en 2025 na Televisión de Galicia, na televisión portuguesa RTP, e na plataforma Max. David Rodríguez participa no reparto desta serie protagonizado por Cristina Castaño, Isabel Naveira e Xulio Abonjo.
+Cuñados e Os Espazos en Branco
O filme +Cuñados, de Luis Avilés, proxectarase o martes 19 de novembro. O Entroido chegou e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos desde a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués, e nese tempo os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a maneira perfecta para branquear o diñeiro do botín que caeu do ceo. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués) en busca de vinganza, complicará as cousas para os cuñados, meténdoos nun novo enredo que acabará cun cadáver no medio da ponte internacional de Tui.
A última das sesións de longametraxes do Cine de outono desenvolverase o 26 de novembro. Proxectarase Os Espazos en Branco, un filme dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames inicia con 'As Neves' o seu ciclo de Cine de Outono"