Solapas principales

Comezan os itinerarios formativos sectoriais de comercio/loxística e turismo do programa integrado de emprego Ames - Brión

Viernes, 14 de julio de 2023

O programa integrado de emprego 2022 - 2023 dos Concellos de Ames e Brión comezou no pasado mes de novembro de 2022. Na actualidade van a comezar a impartirse os itinerarios sectoriais de comercio/loxística e de turismo.  Nesta edición o programa está dirixido a 100 persoas desempregadas que están sendo asesoradas na súa procura de emprego e se forman en competencias xerais así como en diversos sectores, nos que tamén poderán realizar prácticas en empresas da contorna. Deste xeito, estanse formando nos ámbitos do comercio; almacén; ocio e tempo libre; limpeza de edificios e locais e arranxo de habitacións en hoteis; turismo; idiomas e novas tecnoloxías. Ademais, os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo dende o pasado mes de outubro a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre ditos programas de emprego.

Os Concellos de Ames e Brión levan anos colaborando na impartición de obradoiros de emprego que redundan no beneficio da veciñanza desempregada de ambos concellos porque se forman en ámbitos que contan cunha gran demanda laboral. Na actualidade estase impartindo unha nova edición do programa integrado de emprego e maila quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova. O Concello de Ames elaborou un vídeo no que se reflicten o traballo que se está facendo nestes dous programa e tamén se poden escoitar os testemuños de persoas que participaron en edicións anteriores destes programas.

O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión estase a desenvolver dende o pasado mes de novembro de 2022 e rematará en novembro de 2023. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 245.269,72 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados. As persoas participantes deben estar inscritas como demandantes de emprego, ser persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión ou ser mulleres desempregadas destes dous municipios.

Cursos do sector de ocio e tempo libre
Dende o pasado mes de xuño, once das persoas participantes do programa comezaron o Itinerario de ocio e tempo libre, realizando xa a formación transversal en Manipulador de alimentos (10 horas) e o pasado 19 de xuño iniciouse o curso homologado pola Xunta de Galicia de Monitorado de actividades de ocio e tempo libre (200 horas teóricas e 150 horas de prácticas non laborais).

Este é un dos itinerarios formativos máis demandados e con mellores resultados de insercións laborais dos últimos programas levados a cabo. Completarase coa formación transversal en Primeiros auxilios (10 horas) e con formación especializada en Ocio inclusivo (35 horas), Dinamización de espazos de ocio infantil (10 horas) e Monitor de comedor e acompañante de transporte escolar (60 horas teóricas e 25 horas de prácticas non laborais).

Inicio dos restantes itinerarios de formación sectorial
Tamén no mes de xuño deu comezo a formación de Actividades de comercio e neste mes de xullo dará inicio a de Almacenaxe/loxística. No mes de agosto está prevista a impartición da formación en Turismo. Os cursos que se imparten nestes itinerarios sectoriais inclúen unha parte formativa en aula e, posteriormente, un período de prácticas non laborais en empresas da comarca vinculadas aos sectores da formación impartida.

Por outra banda, mentres se poñen en marcha o resto de itinerarios formativos (limpeza; turismo; novas tecnoloxías…), as persoas participantes xa poden realizar actividades formativas en liña grazas á plataforma de teleformación na que se dispón dun catálogo de máis de 200 cursos de diferentes sectores e familias profesionais.                                                                                                            

Inserción laboral
En relación ao obxectivo final do programa, a inserción laboral, neste momento, 35 participantes do programa están xa a traballar en diferentes sectores (2 deles por conta propia), polo que se considera que nesta edición tamén se superará o obxectivo inicial fixado do 40% das persoas participantes.

Prazas vacantes
Nesta edición, os participantes encádranse nos seguintes perfís:
- Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
- Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

Neste momento existen varias vacantes por substitucións. Se cumpres os requisitos e queres participar no programa podes apuntarte cubrindo o cuestionario dispoñible a través do seguinte enlace e chamámoste no caso de producirse unha baixa dalgunha das persoas participantes.                                                        

Bolsas de axuda á conciliación
As persoas que forman parte do novo programa integrado de emprego Ames - Brión teñen dereito a unha bolsa de 7 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se puxo a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas están destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes. O programa desenvolve as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.

As persoas que estean interesadas en ampliar información sobre o programa poden contactar co Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames chamando aos números de teléfono: 663711876 / 608459678 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo inseramesbrion@gmail.com.

Obradoiro dual de emprego Renova
Ademais, os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo dende o pasado mes de outubro a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

Dentro do plano de formación aprobado para este proxecto, a totalidade do alumnado recibe formación en dous certificados de profesionalidade, un completo e outro parcial. O certificado que se imparte integramente é o de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Ademais, impártese un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas. Este certificado completo ten unha duración de 360 horas.

Por outra banda, tamén forma parte do plan formativo deste obradoiro outros módulos complementarios de alfabetización dixital, orientación profesional, sensibilización en igualdade de xénero. Ademais decidiuse complementar o plan formativo aprobado cun curso de prevención de riscos laborais en alturas e con outro curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP). Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

Novas instalacións de fotovoltaicas e domóticas
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado xa realizou traballos de interese municipal. Neste caso instalaron 168 paneis fotovoltaicos na estación depuradora de Lens, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Tamén se executará a instalación de sistemas domóticos na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Ames, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, pavillón polideportivo de Bertamiráns, na Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda e na planta EDAR do Milladoiro.

No concello de Brión tamén se instalarán sistemas domóticos na planta fotovoltaica da escola infantil de Brión e no pavillón deportivo de Brión, así como na planta fotovoltaica e no sistema de aerotermia do centro social polivalente de Brión. Tamén se implantarán puntos de recarga eléctrica no pavillón deportivo de Brión e na biblioteca municipal de Brión.

Ademais, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do Concello de Ames, no campo de fútbol de Bertamiráns, pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil municipal de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando de Brión, na depuradora da Ameixenda, depuradora do Milladoiro e no centro social polivalente de Brión.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “o éxito que teñen os programas de emprego que desenvolven en colaboración os Concellos de Ames e Brión e que contan co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia. Trátase de programas que teñen un gran porcentaxe de inserción, algo que en gran medida é grazas ao bo traballo do persoal municipal de ambos Concellos”.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Comezan os obradoiros de emprego Ames Brión de comercio/loxística e turismo"

O programa integrado de emprego 2022 - 2023 dos Concellos de Ames e Brión comezou no pasado mes de novembro de 2022

Multimedia

  • O programa integrado de emprego 2022 - 2023 dos Concellos de Ames e Brión comezou no pasado mes de novembro de 2022
  • O programa integrado de emprego 2022 - 2023 dos Concellos de Ames e Brión comezou no pasado mes de novembro de 2022
  • Embedded thumbnail for