- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, puxeron en marcha as accións formativas do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Onte mércores, 25 de setembro, desenvolveuse a primeira sesión en torno á idea de negocio e a proposta de valor. Hoxe xoves, os asistentes puideron introducirse nos estudos de mercado e competencia, facendo unha análise da mesma e dando a coñecer as técnicas de investigación. Estas actividades son impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.
As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Así, ao abeiro desta iniciativa, estase a desenvolver un novo ciclo de obradoiros composto por un total de seis talleres formativos. Xa se desenvolveron as dúas primeiras sesións, se ben os interesados e interesadas están a tempo de anotarse nos catro obradoiros restantes, que se desenvolverán a vindeira semana. O programa facilita a asistencia a todas as sesións de xeito global ou a opción de asistir ás que máis interesen ao alumnado. Igualmente, as persoas interesadas poden acudir as titorías individuais sen necesidade de apuntarse aos obradoiros.
Programa de obradoiros
Logo da celebración das dúas primeiras sesións, o programa contempla a realización de catro obradoiros máis a próxima semana. O luns, 30 de setembro, o obradoiro versará sobre fiscalidade e financiamento, analizando formas xurídicas e aspectos fiscais e financieiros. O martes 1 de outubro profundizarase na clientela, coa segmentación de clientes e o coñecemento do público obxectivo ao que se dirixe a empresa. O mércores día 2 afondarase no plan de marketing, co que se guiará aos alumnos/as no coñecemento dos aspectos e variables básicos do marketing e a súa aplicación. Por último, o xoves día 3 o taller versará sobre comercialización e canles de distribución.
As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.