Solapas principales

A compañía Pistacatro chega ao Milladoiro cunha proposta de obradoiros de circo en familia

Lunes, 29 de julio de 2024

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza para este venres 2 de agosto unha actividade de circo en familia. Estes obradoiros completan a programación das festas da Madalena, que se celebrarán dende o 2 ata o 6 de agosto. A compañía Pistacatro produtora de soños será a encargada de poñer en marcha no Milladoiro unha Escola de Saltimbanquis para coñecer todos os segredos do mundo do circo. As actividades impartiranse de 17.00 a 19.00 horas na área deportiva do Milladoiro. A partir das 19.00 horas comezará o Millarock cun concerto didáctico e co obradoiro “Sube e Toca”, ás 20:00 horas. Estas actividades do Millarock estarán organizadas pola escola A Casa do Rock.

A programación das festas da Madalena complétase cuns obradoiros de circo en familia, que vai impartir o persoal da compañía Pistacatro produtora de soños. Serán o venres, 2 de agosto, na área deportiva do Milladoiro, de 17.00 a 19.00 horas. Para participar non é necesaria inscrición previa.

A proposta que trae Pistacatro ao Milladoiro é unha Escola de Saltimbanquis na que profesores/as formados/as en escolas de circo europeas serán os/as encargados/as de ensinarlles ás persoas participantes as distintas técnicas aéreas, acrobacias, equilibrios, pinchacarneiros, malabares e funambulismo, entre outras. Será unha actividade dirixida ás familias na que se desvelarán todos os segredos do mundo do circo.

A compañía
Pistacatro é a compañía e a produtora de circo máis relevante das Artes Vivas en Galicia. Distribúe as súas propias producións ou algunhas outras que nacen da matriz creativa do proxecto Circonove, así como aquelas que consideran importantes baixo criterios de calidade e interese cultural. Tras case 18 anos desde a súa constitución, no ano 2006, Pistacatro continuou asentándose como a produtora decana das novas correntes circenses en Galicia, abrindo novos mercados e públicos.

É un facilitador de profesionalización do circo na nosa terra baixo criterios de calidade e interese cultural, respectando os dereitos dos traballadores e artistas que, dalgún modo, participan neste proxecto. Queren ser un catalizador que permita a comunicación con outras persoas e proxectos para xerar cultura en coprodución ou en colaboración manténdose fiel á complicidade co público.

A compañía Pistacatro chega ao Milladoiro cunha proposta de obradoiros de circo en familia

Multimedia

  • A compañía Pistacatro chega ao Milladoiro cunha proposta de obradoiros de circo en familia