Solapas principales

A compañía Talía Teatro celebra os 20 anos da obra “Bicos con lingua” cunha función para o alumnado do IES do Milladoiro

Martes, 25 de abril de 2023

Hoxe, martes 25, a compañía Talía Teatro celebra os 20 anos do espectáculo “Bicos con lingua”, realizando unha función ás 12:00 horas para o alumnado do IES do Milladoiro na Casa da Cultura da localidade. Trátase dunha obra que naceu co obxectivo de reflexionar sobre a lingua galega e que acumula case 400 funcións arredor de todo o territorio galego. 

“Bicos con lingua” é un espectáculo dirixido por Avelino González e interpretado por Toño Casais e Artur Trillo, con textos de Suso de Toro, Manuel Núñez Singala, Avelino González, Ana Iglesias, Xabier Lama, Marta Etxebarría e Cándido Pazó, e que foi estreado na Escola de Maxisterio de Santiago de Compostela o 25 abril de 2003. Dende entón realizáronse 392 funcións por toda Galicia. Moitos deses pases tiveron como público o alumnado dos centros de ensino, xa que foi considerado unha boa ferramenta didáctica para as aulas de lingua galega.

O espectáculo naceu como invitación á reflexión sobre a situación de perda de falantes da lingua galega. Anos despois deu pé a outros espectáculos coa mesma temática como son “Pelos na lingua” ou “A parábola do angazo”.

Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía creada en 1988 cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca que define un estilo e unha forma de facer teatro.

Actualmente, Talía Teatro é un dos grupos teatrais galegos con máis capacidade de produción e distribución. Desde os seus inicios, a compañía persegue a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país.

Cartaz de "Bicos con lingua"

Multimedia

  • Cartaz de "Bicos con lingua"
  • A compañía Talía Teatro celebra os 20 anos da obra “Bicos con lingua” cunha función para o alumnado do IES do Milladoiro
  • A compañía Talía Teatro celebra os 20 anos da obra “Bicos con lingua” cunha función para o alumnado do IES do Milladoiro