Solapas principales

A Concellaría de Cultura presenta unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames sete pezas audiovisuais

Viernes, 24 de marzo de 2023

Esta mañá celebrouse a presentación de Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación organizada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo do proxecto é achegar o cinema galego á veciñanza amesá. Nesta ocasión, no marco do Abril de Cine proxectaranse as películas O corpo aberto, Matria e As Bestas; a web serie Pringadas; as curtas La entrega e Solpor e o documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia. O acto de presentación tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, lugar no que se proxectarán todas as pezas, e onde o pasado outono se realizou unha modernización das infraestruturas. As entradas poderanse adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. 

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación dunha nova edición do Abril de Cine, o programa cultural que se celebra en Ames por terceiro ano consecutivo. Nel participaron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a técnica do departamento, María Vázquez.

A concelleira de Cultura, Natividade González, sinalou que “en Ames contamos con numerosos espectáculos de distintas artes escénicas, como teatro ou danza, que son moi recoñecidos. No ámbito do cine tamén puxemos en marcha a iniciativa de Cinema Miúdo, outra cita audiovisual dirixida aos máis cativos, na que tan só na pasada edición se proxectaron máis de cincuenta curtametraxes, logrando un récord de asistencia”. Así mesmo, explicou que “faltaba traer o sétimo arte para público adulto a estes escenarios. Un ano máis, volvemos a contar coas películas e curtas máis punteiras. Algunhas delas acaban de ser recentemente estreadas nas salas de cine, como Matria. Trátase de pezas galardoadas con premios moi recoñecidos, como os Goya. O cine está máis vivo ca nunca e temos que poñelo en valor traéndoo a representalo nestas salas”. Por outra banda, fixo fincapé en que “contamos cunha ampla representación de amesáns na participación das pezas audiovisuais que imos proxectar, que tantas alegrías nos están dando”.

Natividade González puxo tamén valor as recentes reformas que se levaron a cabo no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, e indicou que “adecuouse o espazo e realizáronse reformas moi necesarias”. Pola súa banda, María Vázquez, técnica de Cultura, engadiu que “o acondicionamento desta sala é o motivo polo que todas as proxeccións se realizarán aquí. Fíxose un investimento de 57.000 euros, cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais. Puxemos unha pantalla de grandes dimensións e un proxector de alta calidade”. “Poñer en valor o audiovisual e a cultura é unha aposta desta concellaría”, rematou dicindo.

Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ames poderán gozar de sete proxeccións. Deste xeito súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, na que se inclúen tamén obras de teatro e espectáculos de danza e música. As entradas poderanse adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. 

Este novo ciclo do Abril de Cine comezará o vindeiro martes 4 de abril, ás 20:00 horas, coa película O corpo aberto, nomeada a 19 Premios Goya e gañadora de 12 galardóns nos Mestre Mateo (entre eles, mellor logametraxe, mellor dirección e mellor guión). Nela nárrase a historia de Miguel, un profesor destinado a un pobo na fronteira entre España e Portugal que deberá adaptarse a un territorio pouco hospitalario e habitado por persoas ásperas e de tradicións remotas, ao tempo que se comeza a interesar por unha veciña da localidade, a enigmática Dorinda.

A seguinte sesión terá lugar o 11 de abril, ás 20:00 horas. Emitirase o filme Matria, un drama social que mostra a vida dunha muller de mediana idade sumida nun contexto laboral e persoal moi precario. A galega María Vázquez, que encarna á protagonista da historia, recibiu recentemente no Festival de Málaga a Biznaga de Prata á Mellor Actriz.

A web serie Pringadas proxectarase o sábado 15 de abril ás 20:00 horas. A peza, creada co obxectivo de proporcionar contidos en galego para a xeración Z. En Pringadas, Xoana, Antía e Catu, tres universitarias, amigas e compañeiras de piso, exploran temas como o amor, a rotura coas amizades ou as enfermidades de transmisión sexual.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 18 de abril, tamén ás 20:00 horas. Proxectarase As bestas, a gran triunfadora dos Premios Goya deste 2023 (levou, entre outros, os galardóns a mellor película, mellor dirección ou mellor guión orixinal). O filme baséase en feitos reais, e conta como a chegada dunha parella francesa a unha case deshabitada aldea inicia unha disputa veciñal que remata en traxedia.

O programa pecharase coas curtas La entrega e Solpor, que se emitirán o 25 de abril. A primeira narra a historia dun ancián cuxo único contacto co exterior é a través dun rider que lle entrega os pedidos xestionados polo seu fillo dende o estranxeiro. O seu director, o amesán pedro Díaz, participará nu coloquio cos asistentes ao rematar a proxección. Solpor, pola súa banda, fai un repaso pola vida dun home que, tras perder o seu traballo e distanciarse da familia, comeza a carecer de recursos e debe restablecer o control da súa vida.

Ademais, o 20 de abril o alumnado dos IES de Ames terá a oportunidade de asistir á proxección do documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia. A través del poderán coñecer ao traxecto vital de Domingo Fontán, considerado a primeira persoa que recorreu Galicia a pé.

Mellora das infraestruturas do auditorio da Casa da Cultura
Todas as proxeccións terán lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, cuxas infraestruturas foron melloradas recentemente a través dun proxecto de instalación, modernización e xestión sostible cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao amparo dos fondos NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do regulamento (Unión Europea), número 2041/241, convocados para o ano 2022. A axuda concedida ascendeu a 29.646,08 euros. O importe restante, de 27.355,81 euros, foi sufragado polo Concello de Ames. En total, o orzamento destinado a estas melloras foi de 57.001,89 euros (IVE incluído).

Os traballos realizados consistiron na mellora do equipamento do sistema de iluminación coa instalación de novo focos led; mellora do equipamento de vídeo cun novo proxector; instalación dunha nova estrutura metálica (truss) e dunha nova pantalla no escenario; e dun novo sistema de conexión entre cabina e escenario (instalouse unha matriz central en cabina para conectar vídeo e audio co escenario).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cine low cost en Ames con 'O corpo aberto', 'Matria' y 'As bestas' durante el mes de abril"

Lindeiros: "Abril de cine en Ames"

A técnica de Cultura, María Vázquez (esquerda) e a concelleira de Cultura (dereita)

Multimedia

  • A Concellaría de Cultura presenta unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames sete pezas audiovisuais
  • A Concellaría de Cultura presenta unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames sete pezas audiovisuais
  • A Concellaría de Cultura presenta unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames sete pezas audiovisuais